Menu Xerais

«A filla do ladrón de bicicletas» de Teresa González Costa, premio Merlín 2010

O xurado da 25ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros e formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Celerífera», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Teresa González Costa e corresponde ao título A filla do ladrón de bicicletas.

A filla do ladrón de bicicletas conta a historia dunha nena, Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e que por diversas circunstancias vive coa súa tía, dona Perfecta. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo.

Na xustificación do seu ditame, os membros do xurado salientaron como algúns dos  moitos valores que posúe A filla dos ladrón de bicicletas os seguintes:

«Primeiro: a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia. Uns personaxes ben trazados, coidadosamente perfilados e moi próximos a nós, aos que podemos recoñecer con rexouba e gozar dos seus actos. Destacan estes personaxes, ademais, pola súa autenticidade, a sinxeleza dos sentimentos que os guían, en contraposición coa dobre moral e a hipocrisía social.

Segundo: contén esta historia un certo histrionismo calculado nas situacións que se producen. Estas son extraordinarias, ou sexa, fóra do ordinario e divirten e mesmo provocan o lector ou lectora que non quedan impasibles endexamais. A obra está chea de diálogos moi ben construídos, áxiles, ocorrentes, frescos, divertidos que están moi próximos ao teatro e dótana dun dinamismo evidente. Desprende, tamén, esta historia una frescura que nunca esquece a delicadeza no xeito de presentar cada situación e acada un achegamento real ao lector que o permite gozar plenamente do que nela se conta.

Terceiro: malia certas pinceladas cultas que aparecen, esta historia está escrita  na procura dun entretemento intelixente baseado nuns aspectos lúdicos, tenros e conmovedores. Non existe un carácter moralizante no que se relata e amosa, dun xeito natural, o tema da vocación artística, fuxindo da competitividade e mais do materialismo, e reflexionando con naturalidade sobre esa vocación artística, dende un punto de vista positivo (actitudes do pai ou da filla) ou negativo, egoísta e ríxido como pode ser o comportamento da tía Perfecta.»

Teresa González Costa declarou cando soubo da concesión do premio que «as bicicletas sempre foron moi importantes na miña vida, nesta obra co personaxe de Celerífera quixen facerlle unha homenaxe as bicicletas». Proseguiu expresando que á súa protagonista, Serafina, «o que máis lle gusta é pasar o tempo subida en Celerífera. A tía Perfecta, en cambio, asegura que andar en bicicleta carece de elegancia.  Cada un dos personaxes da historia ten a súa palabra acerca dese artefacto fascinante que xa fora ideado por Leonardo da Vinci. A simplicidade de Celerífera contrasta co entramado de sentimentos que Serafina esperta na vila, alimentados pola sombra de todas as bicicletas que unha noite desapareceron.» «Na súa carreira pola corda frouxa Serafina non tardará en aprender que un rumor pode ser máis terrible que unha tormenta electromagnética…», rematou a escritora do Grove.

Hai 7 comentarios. Engade o teu.

Teresa González Costa ganadora del 25 Premio Merlín de literatura infantil | Culturamas, la revista de información cultural

[...] jurado de la 25ª edición del Premio Merlín de literatura infantil, entre los 32 originales participantes, acordó por mayoría declarar ganadora a la obra A filla do [...]

Curioso Impertinente » A illa de San Simón

[...] premios foron para Teresa González Costa e Iolanda [...]

sonia e manuel —

hola nos llamamos Manuel y Sonia(hermanos)estamos contentos porque tu la escritora lla sabras que vas a venir a nuestro colegio(ceip a ramallosa)

Sonia —

Ola Teresa, son Sonia do colexio de Curros Enríquez. Acórdaste? Viñéchenos facer unha visita explicándonos o do libro. Fixémosche preguntas, entre unha delas se Elías narraba a historia. Contáchesnos a túa infancia na Vila na que ti vivías. Eu opino que eres moi simpática, caíchesme moi ben. O que sí é que houbo algunhas partes do libro un tanto aburridas, pero en teoría gustoume bastante.
Un bico: Sonia

Pedro —

Ola, son Pedro do colexio Curros Enríquez. Gustoume moito o libro do ladrón de bicicletas, pola túa imaxinación e o teu cariño cara as bicicletas. A min tamén gústame moito escribir, tamén teño unha bicicleta, pero sen nome. Non estráñame nada que gañases o premio Merlín.

fabrizio —

Bos días, Gustoime moito o libro e entretido, misterioso e divertido.
Encantoue a túa visita ao noso colexio CEIP Curros Enríquez

Miguel —

Un libro moi bo. Es moi boa autora, mais o libro facíase un pouquiño longo ás veces. Xenial!