Menu Xerais

«A Táboa da Hospitalidade», crítica en «lg3»

Montse Pena Presas publica nas páxinas de crítica de «lg3» un traballo sobre A Táboa da Hospitalidade, a segunda entrega d`O Brindo de ouro, a serie de novelas de fantasía épica de Xesús Manuel Marcos. Recuperamos algúns parágrafos dun texto moi interesante:

As lectoras que limos entusiasmadas a primeira novela, vimos que tanto o título como o final deixaban a porta aberta para a continuación da triloxía. Porén, O Brindo de ouro. II. A Táboa da Hospitalidade tardou cinco anos, seguramente demasiado para un lectorado esvaradío como é o xuvenil (tendo en conta que o habitual é que os primeiros tempos en que se considera superada esa fase non se adoita volver os libros lidos nela. Iso sucede máis tarde). Aínda así, a saída do prelo da segunda aventura de Selmo é unha boa nova para a literatura galega xuvenil e unha oportunidade para que o público mozo de hogano se achegue a esta fascinante recreación do espazo courelá e dos seus símbolos literarios máis comúns (algúns de clara orixe novoneiriá).

[...]

A táboa da hospitalidade insírese perfectamente na triloxía. Atopamos de novo o recurso ao mundo mítico e oral como perigo, coma fonte de inquedanza e coma arela. Porén, Marcos reafirma a súa capacidade para crear a referencialidade, as crenzas, e mesmo os ditos de toda unha sociedade revisitando símbolos pagás que nos son coñecidos de orixe galega e europea. Os alumantes e os andaregos volven para asustar aos vivos e gañar adeptos entre eles; o mundo somerxido nunha lagoa convértese nunha caixa de Pandora de seres fantásticos (de mulleres xigantes, de mulleres con medio corpo de píntega e de mulleres-deusas con poderes sobrenaturais); unha curuxa, a Churiña, trae agoiros sobre os mortos; e o cervo Aio é o particular Caronte dos arxinas, chega para acompañalos na última viaxe. A relación cos elementos naturais tórnase máis estreita ca nunca: se non se escoitan estes, as esencias conxuntas pérdense.

[...]

Con A táboa da hospitalidade, Xesús Manuel Marcos volve sorprender. Os seus textos non inventan nada novo, mais á vez reinvéntano todo: a concepción do mundo, o subxénero da fantasía épica, as tradicións e ata os espazos.

Comentarios pechados