Menu Xerais

«Ás de bolboreta» de Rosa Aneiros, crítica de Isabel Soto

PERSONAXES ELIXIDOS

Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Tras catro convocatorias, desde a súa creación en 2006 froito dun acordo entre a Fundación Caixa Galicia e Edicións Xerais, o galardón converteuse nun bo seleccionador de tendencias, temas e autores do século XXI dentro do amplo espectro da “literatura xuvenil”, tendo en conta que no xurado participan mozos e mozas. Coma tal, a preferencia pola narrativa e por historias de coidada construción que amosan olladas ao contorno, conflitos extraídos da realidade enfocados desde a psicoloxía adolescente e que implican a asunción dun posicionamento.

Ás de bolboreta. Un novo reto Galardoada nesta cuarta edición, Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros, achégase á contemporaneidade, tanto na temática coma na estrutura fragmentaria e aberta, o cal supón un gran reto para o lectorado, que debe superar as esixencias do texto e participar nel activamente. Nun espazo concreto e cotián, a cafetería Luzada, situada nunha cidade monumental afeita a recibir peregrinos, coinciden as vidas de clientes habituais e doutros de distintos lugares do mundo. Unha voz narradora todopoderosa retrata os personaxes con concisos trazos psicolóxicos que axudan a entender cadansúa historia, unha escolma de vidas aparentemente felices ou estragadas, coas súas covardías, erros e miserias íntimas. Os microrrelatos analépticos que conforman os capítulos esgázanse da estrutura principal, ben nun movemento de vaivén ben concedéndolles espazo nunha única ocasión.

A novela conxuga técnicas literarias e cinematográficas, con movementos de cámara que alternan angulacións e planos panorámicos con outros planos primeiros e subxectivos de determinados personaxes para afondar neles illadamente, con saltos temporais e espaciais. A perspectiva de conxunto ofrece a unión por misteriosos fíos dun contexto complexo e global e mais do mundo representado nese pequeno café ao que se lle outorga a centralidade, consonte a interconexión do efecto bolboreta que evocado no título. Isabel Soto

Texto de Isabel Soto publicado na páxina de Literatura Infantil e Xuvenil de El Correo Gallego o 28 de abril de 2010.

Comentarios pechados