Menu Xerais

«Cama e conto», crítica de María Navarro

TENRO E DELICADO

Cama e conto constitúe un texto tenro e delicado que expón unha realidade cotiá. Gonzalo Moure, convencido de que todo o vivimos na intimidade da nosa mente, escribe un conto no que salientan as perspectivas adoitadas; primeiro a da nena, Malva, logo a da nai e superposta a elas, a do lector, mozo e adulto, como complemento do proceso comunicativo que supón o libro.

O que máis lle gusta a rapaza protagonista da historia son as palabras “cama e conto” que cada noite pronuncia súa nai no momento de ir durmir. Son palabras máxicas para Malva, como máxicas son as verbas que, relacionadas entre si, tecen os relatos que son quen de transportar á nena a mundos fantásticos e marabillosos, cheos de sensibilidade nuns momentos, monstruosos noutros, pero sempre evocadores de realidades cotiás, unhas veces, e sublimes, outras.

Cando a nena fai seis anos a situación cambia e o que antes era un grato acompañamento nocturno devén nunha desacougante soidade que some a Malva nunha persistente tristeza ao ollar a indiferenza dos seus proxenitores, feito que a leva a poñer en práctica un estratéxico plan de actuación no que se invirten os papeis, de modo que os adultos son tratados coma nenos e a nena adoita a posición dun adulto.

Esta dislocación de roles resulta certamente interesante e permite adoitar unha actitude crítica perante determinadas situacións. Ás veces, situarse no lugar do outro ofrece a posibilidade de ver reflectidos comportamnteos ou mesmo opinións que reverberan imaxes sorprendentes. A literatura, posta ao servizo da sociedade, convértese neste sentido nun bo instrumento co que contan lectores e escritores para verquer sobre el reflexións propias da vida cotiá que axudan a medrar e camiñar.

As ilustracións de Lucía Serrano con trazos ben definidos, en cores pardas atenuadas e con expresións máis ca suxestivas acompañan a un texto que dende o punto de vista temático resulta atractivo ao introducir un elemento real e cercano ao lector, que dende a perspectiva linguística trata o lector con intelixencia e que no conxunto produce un volume con interesantes contidos educativos. María Navarro

Texto de María Navarro publicado en «Faro da Cultura» suplemento de Faro de Vigo o 29 de abril de 2010. A páxina completa onde aparece o texto pode baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados