Menu Xerais

Convocada a XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela

Adiantamos as bases da convocatoria da XXIX edición do prmeio Blanco Amor de Novela, organizado desta volta polo concello de Santiago de Compostela. A admisión de orixinais quedará pechada o 28 de febreiro de 2011.

O Concello de Santiago de Compostela fixo públicas as bases da convocatoria do XXIX premio de novela longa Blanco Amor:

Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.

Segunda.-Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.

Cuarta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.

Quinta.-De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n, 15705 Santiago de Compostela, facendo constar no exterior «Para o XXIX Premio Blanco Amor». Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de febreiro do 2011.

Sétima.-O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Santiago, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.

Oitava.-O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinatarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

Novena.-O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.

Décima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.

Décimo primeira.-A entrega do premio terá lugar no mes de abril de 2011, nun acto público que se convocará oportunamente.

Décimo segunda.-O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.

Décimo terceira.-Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.

Comentarios pechados