Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Lapidarias»

O crítico Armando Requeixo aborda nunha recensión o poemario Lapidarias. Os versos escuros, de David Rodríguez. A recensión crítica de Requeixo, que sae publicada en tres xornais (Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego) valora moi favorablemente o primeiro poemario de David Rodríguez, subliñando que este autor gañara o I Premio de teatro radiofónico Diario Cultural: «Entre as sorpresas poéticas máis agradables deste 2010 figura Lapidarias».

Reproducimos algúns fragmentos das palabras de Armando Requeixo:

Non hai aquí amabilidade ningunha, todo o contrario, faise bandeira da crueldade necesaria, que se enarbora dende a cita inicial de Barceló coa que se abre o libro: «Vou dicir as cousas moi directamente, case con crueza, porque non hai, polo momento, outra maneira de dicilas». E a mesma contundencia de limpidez espida amosan as fotografías de Eduardo Irago que acompañan os poemas deste libro, nun diálogo fértil, de vasos comunicantes, onde tal semella que algúns versos naceron logo da paciente contemplación da instantánea e, se cadra, noutros casos fose o verso o que preconfigurase o molde visual.

A obra Lapidarias de David Rodríguez ten a esencialidade da escrita que permanece, que afonda nas verdades intemoporais, no encontro de elementos estraños en situación filosófica que quería Badiou, unha literatura para sentir pensando, para murmurar ben alto que escoiten os nosos silencios.


A crítica completa pode lerse aquí.


Comentarios pechados