Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

O crítico Armando Requeixo publicou hoxe no suplemento literario Faro da Cultura, do Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Periferia, de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de Novela 2010.  A recensión pódese baixar en pdf. Reproducímola integramente:

Armaxedón; periferia

Exorcismos para sobrevivir

Un zunido inmenso nos oídos. Un zunido inmenso nos oídos e un acedume mesto galgando polo esófago. Esa é a sensación coa que din rematado o medio milleiro de páxinas de Periferia, a novela coa que Iolanda Zúñiga –digamos da autora que naceu en Vigo, 1975 e que é autora de títulos como Vidas post–it (relatos, 2007) e mais Amor amén (poemario, 2008); a presente vén constiturír, entón, a súa primeira narración longa– resultou vencedora, este pasado verán, do Premio Xerais de Novela 2010.

Periferia –ambientada na cidade, na megalópole, de São Paulo, Brasil– vén resultar un vórtice textual de tal magnitude que desintegra calquera xénero literario que trate de describilo. A medio camiño entre o docudrama e mais a crónica ficcionada, entre o relato xornalístico e a prosa poético–musical, as planas de Periferia resístense a tipoloxías planas e o que mellor as retrata é a súa radical e absoluta indeterminación.

Mais esa aconvencionalidade xenérica non é senón a consecuencia lóxica do continente que o contido da obra reclamaba: como transmitir literariamente a loucura mísera dos suburbios de São Paulo, as xeracións de mozos arrasadas polo crack,o espellismo adeusado do fútbol profesional, a violencia agochada tras cada recanto urbano, a escravitude ditada polo narcotráfico, a delincuencia como horizonte único para tantos, a desvertebración social dun mundo no que a vida humana vale menos que nada, nada vale, non vale?

Iolanda Zúñiga non narra ren. Iolanda Zúñiga vomita, máis ben, todo un inferno que se lle meteu dentro,cospe a visión apocalíptica que lle queimou ata o último dos alvéolos pulmonares. O seu non é un exercicio novelístico; antes ben, estamos diante do exorcismo ao que necesitou someterse para conseguirsobrevivir á contemplación do Horror.

Farán ben as lectoras e lectores acostumados aos placebos novelísticos en arredar de si este cáliz literario. E é que acontece que Periferia non pode lerse sen sentir cosidas as tripas,sen arrubiar de só pensar no planeta lamacento que nos congratulamos en perpetuar, nós, aseñoradas e aseñorados habitantes deste denomando “Primeiro Mundo”que habitamos.

Por iso, que aínda existan seres como a Luciana/ Simone coprotagonista do texto, embebidos da esperanza da loita por saír da condena dunha subvida infrahumana, non só insufla vitais ánimos no medio da tempestade agónica, senón que resulta o precioso milagre do rebento vexetal no medio do ermo desértico da mesquindade e mais da ruindade xeral. Periferia, de Iolanda Zúñiga, vénse conformar, xa que logo, como un verdadeiro armaxedón literario. Polo tanto,antes de aventurarnos na súa lectura, convén que meditemos amodo: é que,de certo,non todos están preparados para tanto…

Armando Requeixo

Comentarios pechados