Menu Xerais

Crítica de Dolores Martínez Torres sobre «O coitelo en novembro», de Marilar Aleixandre

«Con roupaxes míticas» é o título da recensión crítica que Dolores Martínez Torres publica no Faro da Cultura sobre o libro O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre.

Con roupaxes míticas

Relatos dentro do relato

Son corenta contos e un máis: contos que presentan distintas extensións e tamén desiguais niveis de sofisticación literaria,comunicados entre si coma os compartimentos dunha caixa chinesa, arredor danatureza intrínseca do feito de contar.

Sete deles teñen como protagonista unha moza que habita nunha época na que as presións das sociedades de autores e as telefónicas conseguiron acabar co paraíso da información libre e gratuíta na rede; polo tanto,para poder levar a cabo o seu traballo de investigación sobre as editoriais galegas no exilio, ela vese na obriga de recorrer aos desordenados fondos dunha biblioteca, aínda que o que de verdade preferiría sería dedicar o tempo a rematar a súa tese, centrada, precisamente, en dúas obras que, xunto co Quixote, constitúen indiscutibles catedrais do relato dentro do relato: as Metamorfoses e as Mil e unha noites. A rapaza chámase Mila Dreixal; as súas aventuras comparten espazo con esoutras narracións incrustadas que presentan variados exemplos de temas,estilos e recursos. E como todo narrador posúe unha biografía e unha bagaxe de valores que necesariamente inflúen na construción da mensaxe, estas historias (falsas?) que revelan a Historia (certa?) defenden unha ideoloxía que remite á ética da esquerda,en ocasións revestida con roupaxes case míticas.

Unha obra esta que destella con relampos de alfaia no seu concepto e de bixutería nos seus argumentos -destacaría, porén, o formulario apóstata de Xoana de Arco-,pero que,como unha interesante antoloxía da creación, semella ideal para ser diseccionada nas aulas ou nos obradoiros literarios.

Dolores Martínez Torres

Comentarios pechados