Menu Xerais

Crítica de María Navarro sobre «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe hoxe unha recensión crítica de María Navarro do último Premio Merlín de Literatura Infantil, a A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Reproducímola integramente:

Valores e contravalores
Substanciosa interpretación

O pasado doce de xuño fallábase na illa de San Simón o Premio Merlín. Era esta unha edición especial,a vixésimo quinta, e como xurado uns membros de excepción.Cinco gañadores en anos anteriores outorgaban por maioría o premio á obra titulada A filla do ladrón de bicicletas, cuxa autora,Teresa González Costa, xa coñecida por pezas teatrais como Sempre quixen bailar un tango, Alén das Brumas ou Pingueiras e tarteiras, deita unha ollada tenra e máxica sobre un vehículo que semella marcou algunha vivencia infantil.
Da mesma forma que nunha bicicleta a forza producida polas pernas se transforma en movemento, así funciona o resorte da imaxinación impulsado polo burbullar de ideas, imaxes e palabras que dispostas maxistralmente producen un texto que irradia enerxía e ilusión e no que a autora, adoitando unha postura de prudente neutralidade, fai falar aos seus personaxes para que sexan eles mesmos os que acaden a complicidade ou reprobación do público. Os receptores, atentos aos movementos de cada un, agardan expectantes o decorrer dos acontecementos histriónicos nalgúns momentos, docemente cotiás noutrose simpáticos as máis das veces.
Considerando que coa tía Perfecta vai estar ben e levar unha vida como merece, o pai, famoso ladrón de bicicletas, deixa á súa filla Serafina nunha casa diriamos que pouco cómoda, polo que ten de exclusiva, pola etiqueta de intocables que colga en cada unha das pezas, polo carácter exótico que lle imprime a procedencia das cousas e pola insistencia da dona do fogar en que teña claro e ben claro que nada do que ve será nunca seu.
Neste ambiente de tal exquisitez non ten cabida a bicicleta Celerífera, a das raias verdes e laranxas, e que se converte para a rapaza na súa paixón. Chegar a ser equilibrista e traballar nun circo é o único obxectivo de Serafina que non dubida e practicar e practicar, pese á oposición da tía Perfecta.
Outros personaxes como o vello Elías, Milo ou a súa nai Beliña adozan a historia e actúan como contrapunto ás excentricidades da tía Perfecta, unha cantante de ópera xa maior que se nega a aceptar a súa propia realidade e que se fai rodear de bens materiais e de persoas ás que lles une unha falsa amizade para lucimento persoal.
Aparecen deste modo na estrutura profunda do texto valores e contravalores que posibilitan unha substanciosa interpretación acerca da caída dosmitos, da idoneidade de acumular bens, da fachenda como modo de vida ou de cal é o modelo de felicidade que perseguimos.
A concepción da novela goza dun extraordinario rigor plástico que fai que o lector perciba o texto como un decorrer de esceas nas que se suceden os acontecementos e que en conxunto semellan actores do espectáculo que é a vida mesma.

María Navarro

Comentarios pechados