Menu Xerais

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

O crítico Xosé Manuel Eyré publica hoxe en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre Periferia, de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de Novela 2010.  A recensión pódese ler integramente aquí. Reproducimos algúns parágrafos:

(…)

Periferia hai que entendela inserida na eclosión, desde hai dúas décadas máis ca nada, da literatura feita nas favelas ou sobre as favelas. Non desmerecemos a Cidade de Deus de Paulo Lins, o primeiro título referencial á hora de falar desta novela de Zúñiga

Literatura marxinal porque está escrita desde a marxe das condicionantes perspectivas da clase media acomodada, a novela de Zúñiga, gañadora do último premio Xerais, denuncia, ergue a voz para retratar o mundo favelario de São Paulo. Un mundo que é un submundo, un submundo que se rexe por regras propias e onde os valores de vida da sociedade acomodada non teñen ningunha validez. Porque son de todo punto imposíbeis: non é o mesmo vivir no andar 23 que nunha favela feita de urxencia e necesidade, non é  o mesmo vestir uniforme de colexio de pago que educarse na rúa da indixencia, dar a luz nun paritorio que tronzar o cordón umbilical cos dentes… Ser un cidadán escribindo unha reclamación de consumo que un ninguén con menos medo á morte que á vida, refugallo creado pola sociadade capitalista ao que os pais con fillos universitarios miran con receo.

(…)

Zúñiga adapta a fórmula narrativa aos seus intereses, xa, de primeiras, dándolles entrada no dicurso ás voces da periferia, facendo delas tamén voces narrativas, desde fragmentos de cancións, sobre todo, mais tamén slogans, graffitis ou estudos que podemos considerar eruditos. Todas estas voces tinxen a novela dándolle unha faciana inequívoca, e cadran do máis natural nunha historia que incorpora unha nómina de personaxes elevadísima. Que vai choutando dunha personaxe noutra de xeito que a imaxe final sexa a dunha pluralidade que non minusvalora o individuo. De xeito que lembra moito títulos como Manhattan transfer ou A colmea e ben pode dicirse, sen temor ningún, que actualiza unha das técnicas narrativas afortunadas do século pasado converténdose inequivocamente nunha novela do século XXI.

(…)

Todo isto fai de Periferia unha novela fortemente transgresora. Nin Camilo José Cela nin John Dos Passos deron soñado con que unha novela como a de Iolanda Zúñiga for posíbel. Mais si, Iolanda fíxoa posíbel. E xa metidos en fariña, daría imaxinado alguna vez James Joyce que un monólogo, un único monólogo for capaz de expoñer semellante tonelaxe de situacións externas sen perder a perspectiva única? Perspectiva única e denunciadora que é o único motor da narración, e que se superpón á propia voz narrativa sen que por iso se deba sospeitar ningún tipo de maniqueísmo.

(…)

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados