Menu Xerais

«Denso recendo a salgado» considerada como unha das mellores novelas do ano

Primeiro contacto con Denso recendo a salgado

E metinlle 140 páxinas dunha sentada. Sen dúbida, a de Manuel Portas é unha das mellores novelas de 2010.

Como dixo Dolores Vilavedra, é moito de salientar que resolva tan ben un argumento pexado por tratamentos anteriores. Moito, malia que caia nun das trapelas máis crueis en que pode meter a pata un escritor, a confusión de personaxes. Pax 121, falan Suso e Carlos, mais Carlos diríxese a Suso chamándoo Xavier.

Máis outra vez estamos diante dunha novela coral. Non tanto como Periferia, mais a comparanza é obrigada porque as dúas se insiren decididamente na corrente renovadora da narrativa. A de Iolanda Zúñiga, moi ousadamente, desprezando por completo o esquezo inmediato. A de Manuel Portas, non, loita contra el, reduce o número de personaxes, dálles máis tempo e lugar para se manifestaren. Coida  historia, que conta na miña opinión moi cinematograficamente, botando man desa técnica tan usada na cal a cámara segue as personaxes, estas vanse atopando e cámara troca de personaxe para iniciar unha nova secuencia.

Nada do outro mundo, como se ve. Porén Manuel Portas, sen tampouco pretender alardes narrativso senón simplemente contando sen fisuras, seguido e con tino, Manuel consegue pegar a novela ás mans do lector, interesalo rapidamente e fondamente.

Máis outra volta volve xursir a sombra primeiriza de Dos Passos e Cela ( que tampouco son os únicos, nin moito menos ) mais ne Denso recendo a salgado a implicación do lector na lectura é, a meu xuízo, meirande. E non me defraudará recoñecer que sexa pola proximidade, non. Lograr esa proximidade entre a lectura e o lector, esa complicidade, non é nada doado. Ben se pode dicir que Portas descobre os segredos da vida e do literatura, ambos nun mediante o tratamento das personaxes. E se o consegue é porque é quen de identificar as problemáticas de cada personaxe, expoñelas sen obviar migalla do dramtismo que conteñen…mais tamén se esquecer o miolo sensíbel de cada unha. Logrando dese xeito un abano de sensibilidades e problemáticas vitais coas que o lector empatiza en maior ou menor grao… e xa será difícil que non atope algunha coa que identificarse ou alonxarse… Xosé Manuel Eyre

Anotación publicada no blog de Xosé Manuel Eyré o 29 de decembro de 2010.

Comentarios pechados