Menu Xerais

«George Steiner en The New Yorker»

Na primeira quincena do mes de marzo chegará ás librarías George Steiner en The New Yorker, o primeiro libro en galego de George Steiner. Traducido por Lara Domínguez, Patricia Buján Otero e Saleta Fernández Fernández este importante volume, xunto co segundo volume d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir, continúa a liña de «Xerais Ensaio» de publicar traducións dalgúns dos textos máis importantes do pensamento contemporáneo. A finais de 2011 está prevista a publicación na mesma colección de Despois de Babel, unha da sobras claves do humanista xudeu.

Entre os anos 1967 e 1997, George Steiner escribiu máis de cento cincuenta artigos para o semanario The New Yorker sobre unha grande variedade de cuestións, conseguindo achegar, non só a intelectuais con formación literaria, senón ao que se adoita chamar «o público xeral», libros novos e vellos, ideas complexas e temas inusuais. De entre todos eles, Steiner reuniu neste volume medio cento deles, unha auténtica colección de alfaias, que abordan boa parte dos principais problemas do ameazado futuro da cultura contemporánea.

Artigos sorprendentes pola súa sinxeleza vivida e pola súa poderosa capacidade pedagóxica. Ensaios literarios caracterizados polo rigor e a sabedoría e comprometidos coa seriedade, mais tamén atravesados pola ironía e o humor, ferramentas coas que Steiner analiza con xenerosidade as obras de autores como Walter Benjamin, Lévi-Strauss, Cioran,  Canetti, Beckett, Borges, Bertrand Russel, Brecht, Canetti, Celine, Kafka ou Chomsky.

Neste libro Steiner ofrece, ademais, unha guía de lecturas que comeza coa literatura do Gulag e remata coa historia do xadrez. Todo un século literario desfila por estas páxinas deslumbrantes de intuicións e saber, xa que como sinala Robert Boyes no prólogo, George Steiner considera que a principal misión do escritor é educar e conmover, esforzándose sempre por distinguir o mellor do óptimo, nun «permanente encontro co novo e o difícil».

George Steiner (París, 1929), fillo de pais xudeus austríacos emigrou coa súa familia aos Estados Unidos en 1940. Estudou nas universidades da Sorbona, Chicago, Harvard e Oxford e foi profesor das de Cambridge, Nova York e Yale. Considerado como un dos máis recoñecidos estudosos da cultura europea, gran filósofo, crítico literario e ensaista, é autor dunha estensa obra, na que destacan libros como La muerte de la tragedia (1961); El lenguaje del silencio (1967) ou Despois de Babel (1975), a súa grande obra humanística, que será publicada por Xerais; Antígonas: una poética y una filosofía de la lectura (1984); Pasión intacta (1996) a súa autobiografía Errata: el examen de una vida (1997) ou Los libros que nunca he escrito (2008). Recibiu o Premio Príncipe de Asturias 2001 de Comunicación e Humanidades. George Steiner en The New Yorker é o seu primeiro libro publicado en lingua galega.

Comentarios pechados