Menu Xerais

Hoxe comeza o congreso do IBBY

A partir de hoxe, e baixo o lema «A forza das minorías», Santiago de Compostela acollerá o 32º Congreso do IBBY (International Board on Books for Young People), que reunirá a 600 persoas de todo o mundo relacionadas co traballo da creación, edición e difusión da literatura infantil e xuvenil. Trátase do evento literarario de maior envergadura mundial no ámbito da literatura infantil e xuvenil. O acto de inauguración terá lugar á sete do serán e prolongarase ata o domingo 12 de setembro. Todas as sesións celebraranse no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. A celebración do congreso vai resultar moi atractiva, tanto polo intenso programa que se desenvolverá ata o domingo pola noite como polo perfil das distintas exposicións, preto dunha ducia, que se lles van ofrecer aos asistentes. Xerais estará presente, tanto a través da asistencia de autores da editorial como da presenza dalgúns dos seus libros nas exposicións.

A literatura infantil e xuvenil galega terá no Congreso do IBBY de Santiago de Compostela unha magnífica oportunidade para o seu coñecemento, visibilización e proxección.  Nese sentido, a exposición «50 anos de literatura infantil-xuvenil galega», constitúe un clarificador percorrido polos libros fundamentais do xénero en galego, desde Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas de 1961 a O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz de 2007.

A maiores das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acolle diversos stands entre os que figura o da Asociación Galega de Editores (AGE). A exposición da AGE mostra as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia. Nese mesmo stand os asistentes poderán ver a mostra «A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías», unha importante escolma cos 40 libros de literatura galega que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.

O apretado programa (pódese ver aquí un adianto case completo en pdf) comprende as conferencias, as mesas redondas e os obradoiros, que terán lugar polas mañás. Entre as conferencias máis esperadas está a de Manuel Rivas, «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», que vai ter lugar o domingo día 12. Xa polas tardes, celebraranse as comunicacións e as actividades do IBBY. Haberá diversos relatores galegos entre os que se atopan Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure.

Durante a celebración do congreso serán entregados, ademais, os diplomas da Lista de Honra do IBBY,  entre os que estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao; os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010; e os Premios Andersen 2010. O congreso contará, ademais, con outro tipo de actividades para os congresistas, entre as que están un concerto de Mercedes Peón e varios roteiros literarios e históricos pola cidade.

Comentarios pechados