Menu Xerais

«Mais que ben que a contou», unha crítica de Vicente Araguas

A CRÍTICA CONSIDÉRAO UN DOS MELLORES LIBROS DO ANO PASADO

Cid Cabido é unha «rara avis» na nosa literatura. Un nachiño que xa non é que omita a súa foto nas lapelas dos seus libros (nun deles aparecía ao lonxe, figuriña mínima nunha paisaxe portuaria) senón que ás veces, así a novela que teño diante miña, nin sequera se nos di quen é e onde vai este escritor que se apelida Cid e máis Cabido.

Iso si, o libro que me ocupa (que me segue a ocupar desde que o lin, entrando o Nadal, e fiquei ben fascinado co seu contido) informa que este autor leva publicado en Xerais uns cantos títulos, dos que eu sobrancearía Días contados, relatos, premiado no extinto Cidade de Lugo, o ano no que eu fora xuri (disimulen polo lexítimo orgullo, pois é un libro brillante, brillante), é grupo abeliano, así, en minuscula tamén o «grupo«, lembranzas máis de Lars Von Triers que de Sam Peckimpah, e en todo caso unha das nosas novelas en verdade importantes.

Agora Cid Cabido volve ao redondel con Unha historia que non vou contar (Xerais 2009). Un libro que resucita un suceso tremebundo acaecido en Vigo o 20 de abril de 1974 cando un cidadán dera cabo ao presunto amante da súa dona. O interfecto era un moi coñecido conserveiro, presidente ademais da Asociación Galega do ramo, e un home de bragueta moi ceibe como semella deducirse da minuciosa reconstrución que do feito, tamén dos seus arredores, leva adiante Cid Cabido. Quen , no libro hai un «private joke» alusivo a A sangue frío, tomou unha pluma semellante á de Truman Capote, para contarnos o que pasara no despacho do dono de Conservas Mau (no libro, que na realidade os tres gatos fan: Miau). semellante, pero non cuspidiña, que Cid Cabido dramatiza desde uns elementos en verdade de ficción a reconstrución do suceso.

Doadamente atopable na prensa da época (mesmo na portada da Hoja del lunes de Cádiz, onde fora portada) con especial atención para El Caso, hebdomario da España máis tráxica e fonda (isto é un evidente pleonasmo), que agacha na súa colecciónunha chea de novelas.

Dous meses antes da morte do empresario ( a mans dun tal «Melitón», quen se despacha a gusto no libro de Cid Cabido) diante do silencio dos xornais, fora El Caso o que máis ifnormara do agarrotamento de Puig Antich e Heinz Chez, claro que tinguido de acentos ben fachosos.

A novela de Cid Cabido, en fin, dramatiza con distanciamento evidencialista da historia. Como demostra xa o propio título dela. Pero non nos fiemos, aquí fala todo o mundo, comenzando polo propio morto. Con voz que lle toman emprestada os outros membros deste retábulo de monicreques. Manexados con singular mestría pr un Cid Cabido en estado de graza. Que para desgraza abonda a do pobre conserveiro que coñeceu a Cristina e comezou a cavar a súa propia cova (no de Pereiró, Vigo, onde tamén está soterrada Doña Concepción Arenal, a de «odia el delito e compadece al delicuente«). Ou algo así. Vicente Araguas.

Texto publicado nas páxinas literarias de El Ideal Gallego e Diario de Ferrol o pasado domingo, 24 de xaneiro de 2010.

Comentarios pechados