Menu Xerais

Manuel Rivas encheu a Praza de Cervantes coas palabras de «Todo é silencio»

Onte tivo lugar a presentación do último libro de Manuel Rivas, Todo é silencio, que se celebrou 19,30 horas, diante libraría Couceiro, coorganizadora do acto. A Praza de Cervantes de Santiago de Compostela acolleu un evento ao aire libre no que tamén estiveron presentes a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara, así como o editor Manuel Bragado.

Asistiron case 300 persoas e numerosos medios de comunicación fanse hoxe eco da presentación. Iago Martínez fai crónica do acto desde o Xornal de Galicia e Vanesa Oliveira desde as páxinas de Galicia Hoxe, que recolle as declaracións de Rivas nas que asegura que «Galicia xa é moi vella para suicidarse» en referencia ao «malestar e desacougo cultural» que está a padecer o país.

Tamén Carmen Villar, desde Faro de Vigo, recolle as palabras de Manuel Rivas cando recitou a Rosalía de Castro e cando se referiu a Todo é silencio como unha historia de personaxes na que, ademais dese contexto de tránsito delictivo, «o fundamental é a condición humana».

A nova da presención foi recollida tamén por distintos medios como La Voz de Galicia, Diario de PontevedraLa opinión, EcoDiario, 20minutos, LaVozlibre, e mesmo o Diario de León, así como por emisoras de radio e varias axencias de noticias.

Comentarios pechados