Menu Xerais

Marcos Calveiro: «O labirinto dos contrastes»

Montse Dopico entrevista a Marcos Calveiro en Galicia hoxe con motivo da aparición de Settecento. Recollemos algunhas das respostas de Calveiro:

«O que me interesa é a contradición. Por un lado ese control, as delacións, a Inquisición, e por outra banda unha cidade en plena efervescencia cultural, e nese sentido cunha sociedade máis libre… A novela ía titularse A gramática das máscaras. En realidade trata da condición humana. Cada quen leva unha máscara que lle impide ser quen quere ser: a envexa, a paixón, o amor, o odio, a vinganza, o sentimento de culpabilidade, a redención… Están no Entroido e levan máscaras, pero cando as quitan levan outras que lles afectan máis.»

«Si, ademais son un montón de personaxes. É unha novela coral, na que se vai contando a vida de todos eles. O músico Antonio Vivaldi, a cantante Anna Giró, a súa irmá Paolina, o burócrata Benedetto Ricotta que envexa a Vivaldi, o avogado Carlo Torttoni, trasunto de Goldoni, que escribiu algunhas óperas para Vivaldi… Si é unha historia de personaxes, que contrapón aos máis novos, como Caterina, Aldo e Giacomo, e outros que xa están de volta de todo. Nunha cidade en decadencia, na que a xente segue a ir de festa en festa. Despois Venecia acabouse como Estado…»

«O triángulo Aldo-Caterina-Giacomo é o típico triángulo amoroso que atopas en moitos libros da historia da literatura. Aldo ao final é o máis forte, e Giacomo, que parecía o listo, o ligón, é enredado por Caterina. Ela fai o que fai porque quere buscar o seu propio camiño. Pero despois síntese culpable e tenta redimirse. O outro triángulo é o de Vivaldi, Anna e a irmá. Os rapaces, ao final, compórtanse mellor que os adultos. Dubidei se manter todos os personaxes, porque o lector podía perderse, pero ao final decidín metelos todos.»

Comentarios pechados