Menu Xerais

«”Níxer”: crónicas para un país silenciado»

Acción Contra a Fame e Xerais publican Níxer, un libro solidario sobre o país africano

Sobre os países dese Terceiro Mundo tan afastado para as nosas latitudes só se fala cando hai grandes traxedias que conmoven a Occidente coas imaxes dunha explosión de dor. Cando esa explosión se apaga, o silencio cóbreo todo e o sufrimento segue aí. Quizais ese é o caso de Níxer, un país que sae intermitentemente nos xornais cando hai unha desgraza puntual, xa sexa un golpe de estado ou unha seca. Pero os males endémicos, os que permanentemente sacoden un país que morre por inanición, quedan fóra da tinta dos periódicos e dos obxectivos das cámaras. «Xa sabemos que o habitual non é noticia», explica o xornalista Camilo Franco, que onte presentou xunto co pintor Alfonso Costa e o escritor Francisco Fernández Naval a obra Níxer, editada por Xerais e cuxos dereitos de autor das vendas serán cedidos na súa totalidade á Acción Contra a Fame e Cultura Solidaria Galega.

Esta obra que ve agora a luz é o resultado dunha viaxe organizada por Acción Contra a Fame hai catro anos a Níxer. «A viaxe serviu para que cada un de nós fixese crónicas cada día sobre o que acontecía nun país no que, como se lembra no libro, de cada cen nenos catorce non chegan os oito anos. A xente alí morre por pura fame. Esa viaxe era a escusa para poder contar un país», lembra Camilo Franco.

Nese intento de «contar un país», o libro recolle o punto de vista de tres autores diferentes. Por unha banda, están as dúas crónicas elaboradas por Camilo Franco e por Fernández Naval e, pola outra, un traballo máis poético –no que se mesturan imaxes e debuxos– elaborado por Alfonso Costa. Ademais, o libro presentado onte inclúe un texto elaborado polo autor do país africano Moustapha Bello Marka. «Cando viaxamos a Níxer, tivemos un encontro con artistas, entre os que estaba este escritor, que xa colaborou con nós na revista da Cultura Solidaria Galega», sinala Fernández Naval.

A asociación Cultura Solidaria Galega naceu hai xa seis anos despois de que a axencia Acción contra Fame organizase no anterior Ano Santo unha peregrinación con fotógrafos e xornalistas. Aí xurdiu unha asociación que hoxe en día segue a colaborar principalmente con esta ONG.

«TODO EMPEORA»

Daquela viaxe pasaron xa catro anos, pero a realidade do país africano continúa sen mellorar. «A situación non fixo máis que empeorar. Dende a viaxe, hai xa catro anos, até agora a realidade non mellorou. A ONU alertou hai pouco do perigo dunha nova pandemia de fame», lamenta Francisco Fernández Naval. Níxer continúa así a ser un terreo vougo abandonado e no que só as ONG se preocupan de sementar. «Nesa difícil situación, a gran parte da poboación vive con resignación, aínda que non sei se definilo exactamente como resignación. Quizais aceptan a situación como algo que lles toca vivir e aceptan con frialdade a morte. Quizais é unha falta de rebeldía ou, se cadra é que entenden o sentido da vida mellor ca nós», reflexiona Camilo Franco. Sexa como sexa, os autores de Níxer reflicten sen resignación un de tantos países esquizos por Occidente. Alberto Ramos

Texto de Alberto Ramos publicado en Xornal de Galicia o 29 de abril de 2010 con motivo da presentación en Santiago do libro Níxer.

Comentarios pechados