Menu Xerais

No país das vacas, por Miguel Anxo Fernán Vello

No país das vacas é o título do último libro de Xurxo Lobato, publicado por Edicións Xerais de Galicia. E xa o título, digámolo de entrada, xunto co seguimento da obra do autor, alimenta o noso interese. Ao amplo panorama fotográfico que a obra exhibe, con imaxes memorábeis –sempre a vaca como “centro”, ou talmente diría Lois Diéguez, como “ónfalos”–, únenselle 35 textos breves de 35 autores, ben acompañados por un limiar de Ramón Villares, un estudo de Lourenzo Fernández Prieto e senllos textos de apoio de Xosé Turnes Paredes e de Julián Rodríguez. Sobra dicir, porque semella obvio, que estamos diante dun libro extraordinario, e non só pola súa beleza visual –Lobato sempre dá o mellor no plano da súa moi particular arte fotográfica: unha fina poética realista– senón tamén pola concepción xeral da obra, que combina textos de, entre outros e outras, Teresa Moure e Rosalía Mera, Fausto Galdo e Méndez Ferrín, Fátima Otero e Blanca Guerrero, pasando por un Luís Manuel García Mañá, Antón Losada, Xosé M. Pereiro, Antón Patiño, Xosé A. Perozo ou Suso de Toro, toda unha pléiade de colaboradores textuais que van “narrando” ou achegando reflexións sobre “a raíña do reino animal no agro galego contemporáneo” (Fernández Prieto). O primeiro documento latino conservado onde aparece a palabra “vaca” –conta Miguel Anxo Seixas, outro dos colaboradores– está no mosteiro de Carboeiro, datado no ano 788. Despois entraría por primeira vez na literatura medieval, e xa en galego, co poeta nicrariense Eanes de Cotón. O país das vacas, como ven vostedes, ten raiceiras ben fixadas no tempo. Mais falándomos de vacas é inescusábel a cita ou designio de Castelao, que figura, madia leva, a xeito de pórtico, no libro de Lobato: “O día que nós emitamos papel moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos, somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída”. Palabras entrañábeis postas ao pé dun libro entrañábel e fermoso. Recoméndollelo. Miguel Anxo Fernán Vello

Artigo de Miguel Anxo Fernán Vello publicado en Galicia hoxe o 28 de xaneiro de 2010.

Comentarios pechados