Menu Xerais

«O coitelo en novembro» de Marilar Aleixandre, crítica de Ramón Nicolás

INCÓGNITAS DA CONDICIÓN HUMANA
MARILAR ALEIXANDRE PUBLICA UN CATIVADOR LIBRO INTEGRADO POR MULTITUDE DE HISTORIAS QUE CONFORMAN UN VIZOSO UNIVERSO LITERARIO E HUMANO

Recoñecer que Marilar Aleixandre é unha das nosas narradoras máis esixentes poida que estea de máis, pero son dos que pensa que é de xustiza afirmalo. A constancia do seu talento espéllase con claridade neste O coitelo en novembro, un libro que se pode ver como un monllo de relatos mais, ao tempo, tamén como unha novela, sendo talvez o de menos o que se refira á súa adscrición xenérica.

O volume, non é difícil conxecturalo, semella que naceu cunha intención que compilase relatos curtos de diferente extensión, mesmo hai polas súas páxinas algún microrrelato disperso que así parece confirmalo. Con todo, a autora ideou unha estrutura na que todo se interrelaciona e que, deste xeito, deixa a posibilidade aberta de poder considerarse como un discurso integral, compacto e sempre aberto, cun eixo que representa a presenza de sete fragmentos narrativos nos que unha estudante se achega a uns textos atopados, en principio anónimos, e que tamén se reproducen aquí, o que permite achegarse a un motivo moi recorrente neste libro como é o concepto de autoría, de outredade ou mesmo de rebelión textual cando estes se volven en conta do que imaxinou o propio autor, nun asunto moi suxestivo que vai máis alá do literario.

Por outro lado o libro pódese contemplar como un exercicio que plasma, diafanamente, unha multiplicidade de recursos narrativos, puntos de vista, perspectivas e orientacións realmente pouco común se queremos atopalos nun único libro. Ademais, esa multiplicidade de recursos autoriais vese tamén refrendada por outra multitude de asuntos recreados nos que salienta unha ollada comprensiva, cando cumpre, que contempla a condición humana, as súas contradiccións e os seus abismos, espellados naqueles textos máis abeirados á intriga ou o misterio, pasando polos que se achegan ao peso da historia e da memoria –a través de personaxes como Darwin, Marx, Xoana de Arco ou Franco ou dun tempo como o da posguerra–, ata chegar aos ecos de propostas máis vangardistas ou as clásicos como As mil e unha noites, As metaformoses ou o Quixote.

Quen se achegue a este volume seralle difícil antologar algún pois os máis deles, sobre todo aqueles de maior extensión, confirman a potencialidade como narradora que Marilar Aleixandre atesoura trenzando realidade e ficción de tal xeito que fai gañar a complicidade do lector aínda nos casos máis extremos. Algo que me parece especialmente salientable nalgúns dos relatos máis extensos onde a autora amosa unha tensión realmente inesquecible, como o titulado “A Fera no Metro”, onde se recrea a fame dun xeito case transparente.

Un rexistro lingüístico, vizoso e riquísimo como poucos, que mesmo ten o mérito de reconstituír voces patrimoniais –“palabras descarreiradas” chámaas a autora-, condúcenos por un libro de altura máis que notable.

Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 4 de setembro de 2010.

Comentarios pechados