Menu Xerais

«O grito do Ipiranga», crítica de Armando Requeixo

AVENTURAS TRANSOCEÁNICAS

Antídoto contra o aborrecemento

Luís García Mañá é autor dunha das triloxías histórico-detectivescas máis notable dos últimos tempos. Nucleadas arredor da sedutora figura do investigadore viaxeiro Nemesio Castro, as narracións O lume de Santo Antón, Menino morreu e agora O grito do Ipiranga constitúen unha mesma secuencia argumental partillada en tres entregas nas que o seu protagonista vai resolvendo casos que se desenvolven nun curto período de tempo (apenas unha ducia de anos) e que nos remiten aos mediados do século XIX.

As xeografías percorridas por Nemesio Castro na resolución dos problemáticos sucesos nos que é solicitado o concurso da súa persoa facíano xirar arredor do mítico Couto Mixto nas dúas primeiras entregas da serie. Nesta última, porén, serán Rio de Xaneiro, A Valeta, Barcelona e Lisboa os escenarios intercontinentais nos que os personaxes
da intriga se manexen.

Localizada no tempo das loitas independentistas brasileiras e da progresión do movemento antiabolicionista, O grito do Ipiranga (ese berro de “Independencia ou morte” proferido contra a metrópole portuguesa polo logo primeiro emperador do Brasil, Pedro I) é a un tempo unha trepidante novela de aventuras e un fresco histórico no que, a través dunha trama gurgullante de episodios e aconteceres, se nos proporciona un acaído retrato dese Brasil emerxente e poscolonial que daquela comezaba a agromar.

García Mañá confirma neste libro os seus dotes de narrador, recreando un tapiz aventureiro no que non hai lugar para os excursos e onde a vertixe dos feitos que se suceden é tal que en poucas páxinas pasamos dun país a outro e dunha subtrama a outra nova enlazando personaxes e accións nun cadoiro tan sorprendente coma emocionante.

Nesta novela importa o que se conta, a aventura que coprotagonizan Nemesio Castro e un seu paisano, Clemente da Silva, quen xa aparecían no primeiro libro da triloxía O lume de Santo Antón e que aquí van ver como se cruzan os seus destinos na resolución dunha investigación na que se xunguen o futuro dun Estado que bota a andar coa procura dun familiar desaparecido. Polo camiño aparecerán infinitude de feitos e peripecias que adobían esta historia de ritmo áxil, onde as digresións non existen e os acontecementos tiran uns doutros como nun sarillo de rabos de cereixa: adulterios, pugnas por intereses comerciais, románticas historias con mulleres do mundo do artisteo, enganos relixiosos, viaxes transoceánicas de encontros inesperados e toda unha restra de situacións das que participan dende os máis altos dignatarios ata os máis humildes operarios e aínda certos personaxes marxinais.

Intensa, directa e vigorosa, O grito do Ipiranga é unha grande nora a xirar repleta de personaxes, aventuras e sorpresas que atrapan o lector coa eficacia dunha prosa luída e certeira, que transmite a lategazos de electricidade frasal, definitivamente esquecida de abafantes paragrafeos alambicados. Unha historia amena e entretida, perfecto antídoto contra o aborrecemento e de lectura máis que recomendable. Armando Requeixo

Texto de Armando Requeixo publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o xoves 8 de xullo de 2010. A páxina completa onde aparece publicado o texto pode baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados