Menu Xerais

«Randea do alento», a novela máis recente de Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009

Na derradeira semana deste mes de setembro aparecerá nas librarías Randea do alento, a novela máis recente de Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009. Traducida do alemán por Marga do Val, esta novela foi considerada pola crítica alemá «como unha obra que, nestes momentos, sobresae sobre todas as demais; unha lectura que parte o corazón e nos fai seres humildes e sinxelos».

Esta edición de Randea do alento forma parte da serie «As Literatas», dirixida pola escritora María Xosé Queizán, onde xa fora publicada O home é un grande faisán no mundo, a primeira obra de Herta Müller en galego.

«No corredor de madeira, exactamente aí, onde está o contador do gas, dixo a avoa: BEN CHO SEI, TI VAS VOLVER.

Eu non gravei na miña cabeza esa frase adrede. Leveina sen querer ao Campo. Non tiña nin idea de que me acompañaba. Mais unha frase así é independente. Ela traballaba en min, máis ca todos os libros que levaba. BEN CHO SEI, TI VAS VOLVER fíxose cómplice da pacorazón e adversaria do Anxo da Fame. Xa que eu volvín, permítome dicir: Unha frase así mantente na vida.»

Aínda había guerra en xaneiro de 1945 cando se inicia a deportación aos campos de traballos forzados en Ucraína da minoría alemá en Romanía. Nese momento comeza a historia que Leo Auberg nos conta, do mozo de dezasete anos, obrigado a abandonar a súa vila, no momento xusto. Porque a el xa lle sucedera algo: «Prohibido», «raro, sucio, vergoñento e fermoso». Formar parte da listaxe dos rusos era para el unha situación aceptábel. Cinco anos vai manterse con vida no Campo, coa experiencia da fame e do frío, co terríbel cansazo, co tedio, coa dúbida de se na súa casa saberán se continúa con vida, co desexo e co medo do regreso. Leo Auberg regresa e xa non ten lugar no mundo entre persoas farturentas de lar, a lingua e as imaxes que crea seguen a mantelo na vida, sesenta anos despois, cando continúa comendo contra a morte de fame.
Herta Müller, coas fermosas palabras do poeta Oskar Pastior, cos seus recordos e cos doutras testemuñas devólvenos unha parte da historia de Europa, da ferocidade do século XX, no que a inocente palabra Campo, se converte en símbolo do horror.

«Esta é unha obra, que neste momento sobresae sobre todas as demais; unha lectura que parte o corazón e nos fai seres humildes e sinxelos.» Felicitas von Lovenberg, Frankfurter Allgemeine Zeitung

«A súa obra, cuxa forza se alimenta co terror, é ao mesmo tempo rica en beleza e unha sorte para quen le.» Volker Weidermann, Frankfurter Allgemeine Sonntagszeitung

Herta Müller naceu o 17 de agosto de 1953 en Nitzkydorf, unha aldea alemá, na rexión do Banat en Romanía. Aprendeu romanés aos 15 anos cando se desprazou á cidade de Timisoara, onde estudou filoloxía alemá e romanesa na Universidade do Oeste. Formou parte do grupo literario alemá, Aktionsgruppe Banat, de clara oposición á ditadura de Ceausescu. Entre 1977 e 1979 foi tradutora nunha fábrica de máquinas, da que foi despedida, despois dun terríbel acoso laboral, por negarse a colaborar coa policía secreta do réxime. Tentou sobrevivir como profesora, coidadora nun xardín de infancia e con aulas privadas de alemán. O seu primeiro libro Niederungen agardou catro anos até que se permitiu en 1982 a súa publicación, corrixido e amputado pola censura. En 1984 foi editado en Alemaña onde recibiu o premio Aspekte-Literaturpreis, polo mellor debut literario en prosa do ano, só agora no ano 2010 se publican en Alemaña nunha nova edición corrixida pola autora, por vez primeira, todos os relatos. En 1984 o libro de contos Drükender Tango convértea nunha inimiga polas críticas ao sistema de vida e non se lle permitirá volver a publicar. A persecución por parte do servizo secreto é continúa e insoportábel, na súa máis recente obra, Christina und ihre Attrappe oder Was (nicht) in den Akten der Securitate steht dá conta das aldraxes e acosos que non figuran nas máis de novecentas páxinas do expediente que se lle abriu co nome de “Cristina”. En marzo de 1987 en compañía do escritor Richard Wagner, daquela o seu home, abandona Romanía e instálase en Berlín, onde reside na actualidade. Na súa ampla obra encontramos novelas como Der Mensch ist ein großer Fasan auf der Welt, en galego O home é un grande faisán no mundo (Xerais, 2001), Der Fuchs war damals schon der Jäger (1992), adaptado ao cine, ou Herztier (1994); ensaios como Hunger und Seide (1995) ou Der König verneigt sich und tötet (2003) e a marabilla e preciosidade dos seus colaxes poéticos como Im Haarknoten wohnt eine Dame (2000), Die blassen Herren mit den Mokkatassen (2005) ou Este sau nu este Ion (2005), o seu único libro en romanés.

Randea do Alento, no orixinal Atemschaukel (2009) foi finalista do Deutschen-Buchpreis e recibiu o premio pola defensa dos dereitos humanos Franz Werfel. É unha autora con obras traducidas a máis de vinte e cinco idiomas e con prestixiosos premios que avalan e recoñecen a súa traxectoria literaria. No ano 2009 recibe o Premio Nobel de Literatura, a xuízo do xurado «pola súa capacidade para describir coa concentración da poesía e a franqueza da prosa, a paisaxe dos seres desposuídos». [Textos preparados por Marga do Val]

Comentarios pechados