Menu Xerais

«Terra de Soneira», un libro sobre o corazón da Costa da Morte

Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte é unha das últimas novidades de Xerais que xa está nas librarías. Coordinado e dirixido por Xosé María Lema Suárez, no libro participan tamén como autores, amais do propio coordinador, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema. Trátase dun libro sobre a comarca da Terra de Soneira e a súa especificidade, que está avalada con documentos e cartografía histórica.

No libro recóllense e analízanse todos os temas socioculturais da comarca: a lingua; a xeografía (natureza e paisaxe), onde se diferencia a Soneira interior e unha máis reducida Soneira da beiramar; a historia da comarca; as manifestacións artísticas desde o megalitismo ata a actualidade; o rico patrimonio etnográfico; a arquitectura popular e etnográfica (a casa labrega e mariñeira, os hórreos, os muíños, os batáns etc.); a artesanía (co encaixe de Camariñas como corazón); os persoeiros da comarca; a excelente gastronomía, as festas tradicionais; os eventos socioculturais (o festival folk da Festa da Caballeira de Zas, o Asalto ao Castelo de Vimianzo, as rapas das bestas).

Un apartado especial do libro está constituído polas rutas para coñecer a comarca. Propóñense rutas xerais e rutas específicas como a arqueolóxica ou a dos Penedos de Pasarela, os de Traba, os do Piñeo, os do Penal do Veo e os do Corveiro.

Reproducimos unha longa entrevista feita en Radiofusión (Radios Municipais Galegas) por Eva Ocampo a Xosé María Lema Suárez sobre Terra de Soneira, onde dá conta do libro e das súas características:

Entrevista

Así mesmo, Xosé María Lema será entrevistado en directo mañá sábado 25 ás 10:30 h. por Mª Xosé Rodríguez na Radio Galega.

Comentarios pechados