Menu Xerais

«Un veciño cheo de sorpresas», primeira entrega da colección «O Club da ciencia»

NO MUNDO DA CIENCIA

Con perspectivas amenas

Un veciño cheo de sorpresas constitúe unha das primeiras entregas dunha nova colección que, baixo o nome “O club da ciencia”, vén de tirar do prelo Edicións Xerais de Galicia e que resulta recomendada para o segundo e terceiro ciclos de Primaria  onde pretende introducir os nenos no mundo da Ciencia dende unha perspectiva amena para que perciban que os contidos científicos están presentes en todo o que nos rodea e que explican o funcionamento e a organización do cosmos.

Tres son os personaxes que nos invitan a disfrutar da lectura e que, entre teimas de rapaces, atracción polo descoñecido e curiosidade polas cousas, van entretecendo unha historia sinxela, ben contada, pero na que vemos reproducida algún que otro estereotipo que se afasta da realidade como o que se corresponde co aspecto do físico e e psicolóxico científico; persoa de idade co cabelo branco e de punta, que vive só, que se comporta dun xeito estraño, pero que posúe un gran corazón. Mais para descubrir a sabedoría e virtudes que agocha o señor Viramontañas están Martiño e Helena, dous compañeiros e veciños dun edificio situado na rúa da Liberdade onde vive o investigador e do que, tras unha incursión ilegal no seu ático, se fan amigos levados non só polo desexo de descubrir o misterio que rodea a súa vivenda, senón tamén pola intención de facerse amigos dalguén que consideran a priori fascinante.

O tópico volve cebarse na historia, porque á chegada ao ático de forma pouco normal lle segue unha intervención pouco menos que milagreira da nena e que espanta a un malo malísimo que se quere facer co piso do vello. A literatura chega despois á exposición máis ou menos científica da diferenza entre estrelas, planetas e satélites, explicación do que é unha galaxia, de que se compón o sistema solar, cales son os movementos da Terra, por que temos estacións ou cales son as fases da Lúa. Cuestións todas elas que dalgún modo buscan a participación do lector, porque entre os personaxes se establece un diálogo que é quen de implicar o receptor e demandar del que complemente o texto.

A este volume de Víctor Raga –o autor  é responsable doutros títulos que, igualmente, publica Xerais: Descenso ao Barranco do Demo, Sempre tes que  meter o nariz ou Un furacán chamado Otilia, que traduce para o galego Pablo Sánnchez Mato, séguenlles outros que teñen a diversidade de paisaxes da Terra, os sentidos, os animais ou as plantas como tema en torno ao cal xiran as aventuras e explicacións que viven Martiño, Helena e o señor Viramontañas. As ilustracións que acompañan o volume chegan, da súa parte, da man de Montse Español Rodié. María Navarro

Texto de maría Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura« de Faro de Vigo o 8 de xullo de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados