Menu Xerais

«Unha historia que non vou contar», en Trafegando ronseis

Que se pode esperar dun libro que se titula Unha historia que non vou contar? Pois, así de inicio, suxíreme unha especie de reto, coma se o autor me estivese dicindo “Vaste atrever a ler un libro que se titula así?” E cando vexo que o autor é Cid Cabido teño aínda menos dúbidas de que, en efecto, me está retando, polo que xa non demoro máis a lectura. Afortunadamente. Seguindo técnicas similares ás de Truman Capote en A sangue frío ou Cercas en Soldados de Salamina, o autor parte dun suceso real (o asasinato dun afamado conserveiro en Vigo nos 70) para construír unha ficción que tamén ten moito de non ficción. O narrador é un escritor que está intentando escribir unha novela sobre este suceso; da súa man imos dunha versión a outra dos feitos, devorando páxinas para tratar de aclarar o suceso, para alcanzar a Verdade, tan esquiva e finalmente tan relativa. A orixinalidade, a intriga e o humor guían a lectura destas só 267 páxinas –que marabilla nos tempos que corren!– probablemente porque o autor non quixo escribir “un deses ladrillos de mil páxinas que adoita ler a xente que nunca le máis dun libro ó ano”, en palabras do propio narrador da historia. Rosa

Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

Comentarios pechados