Menu Xerais

«Uxío Novoneyra. Revisitado», crítica de Armando Requeixo

LECTURA AGRADECIDA

Xosé Lois García, para alén do seu estimable traballo como poeta, ten gañado merecidamente a sona de ensaísta e investigador serio e rigoroso. Xusto por iso, a aparición dun novo volume seu é sempre garantía de contribución de interese certo.

O que escribo vese confirmado en Uxío Novoneyra. Revisitado, xenuína achega ao particular cosmos creativo e vital do autor do Courel. Cómpre salientar, amais, que García non ofrece un contributo sobre a biobibliografía do poeta homenaxeado nestas Letras Galegas que supoña na súa traxectoria unha primeira aproximación. Lonxe diso, este pensador lugués vén interesándose dende hai anos pola escritura e circunstancia do autor de Tempo de elexía, ao que chegou a tratar moi amigablemente, e a quen dedicou con anterioridade estudos, poño por caso, sobre o seu marxismo e nacionalismo.

Uxío Novoneyra. Revisitado afástase da ensaística ao uso que adoito atopamos en datas próximas ao grande feirón do 17 de Maio. García brinda, nun libro de máis de trescentas páxinas, trinta ensaios breves que xiran ao redor doutras tantas cuestións vencelladas co poeta e que abalan entre a análise textual, o anecdotario persoal e mesmo a consideración sociopolítica e ideolóxica en sentido amplo.

Así, nesta obra García revoa sobre os máis variados temas: o orientalismo da poética novoneyrana,o seu labor como gravador, a súa habelencia como recitador, as presenzas do mundo medieval e compostelán nos seus versos, a pegada courelá e madrileña nestes, as súas vivencias catalás, as preferencias lectoras e amizades gremiais, o papel do idioma en relación coa patria, o insubornable nacionalismo, o telurismo e o selo elexíaco dunha non pequena parte das súas composicións ou a súa escrita de xorne amatorio, entre moitos outros asuntos.

O resultado é un mosaico no que é doado ir recompoñendo, tesela a tesela, o perfil dun Novoneyra en íntima conexión cunha paisaxe (no seu caso, nomeadamente, a da montaña lucense), unha lingua (o galego, idioma inequívoco de instalación, con moi puntuais incursións na veciñanza castelá) e unha Terra (que soñaba “librada” pola forza do amor, endexamais “inutle”) que ecoaron en versos nos que o persoal e o colectivo irmandaron como en ben poucos.
O libro enriquécese, a maiores, con numerosas fotografías do autor e a súa obra que, nalgúns casos, revelan materiais gráficos inéditos e que teñen un valor indubidable para reconstruír o pasar vital e autorial do persoeiro.

Uxío Novoneyra. Revisitado é un roteiro ensaístico idóneo para se achegar á figura do poeta do Courel. Un libro de lectura agradecida pola súa fluidez, que foxe deliberadamente dos academicismos estériles para franquearnos o paso do coñecemento directo do alentar dun autor que marcou época. Armando Requeixo

Texto de Atmando requeixo publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 29 de abril de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados