Menu Xerais

«A agonía do león», de Carlos Reigosa, foi presentado onte no Consello da Cultura Galega

Tal e como recollen diversos medios de comunicación, A agonía do león, o libro de Carlos Reigosa que Xerais acaba de publicar na colección Crónica, foi presentado onte no Consello da Cultura Galega. No acto nterviron Ramón Villares, presidente da institución, o editor Manuel Bragado e o autor. Publicado por vez primeira en 1996, merecente daquela do Premio Internacional Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal, e actualizado agora, o libro é «un descenso aos infernos da posguerra española», como apunta no prólogo o escritor e xornalista Manuel Leguineche.  Carlos G. Reigosa, xornalista e escritor, describe con rigor histórico o drama dos fuxidos centrándose na peripecia vital do guerrilleiro berciano Manuel Girón Bazán, ugetista, combatente no frente de Asturias e logo mito da guerrilla antifranquista en León e Galicia ata o seu final en 1951.

O autor, que segue a traballar a temática da posguerra, defendeu a necesidade de recuperar a historia sen orientacións sectarias ou mixtificadoras, visión na que coincide con Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.

O libro, algo máis de trescentas páxinas, pode lerse como reportaxe dun tempo de combate, represión, miseria e dor, novela policial, crónica de horribles sucesos, episodio bélico, novela psicolóxica, crónica de costumes, descrición dunha zona depirmida –La Cabrera, montaña case inaccesible no noroeste de León– ou como retrato da condición humana nunha situación límite.

Comentarios pechados