Menu Xerais

A Casa das Artes acolle a exposición «Vermellas. Chamábanlles rojas», baseada no poemario de Claudio Rodríguez Fer «Ámote vermella»

A Casa das Artes de Vigo acolle, entre o 25 de febreiro e o 20 de marzo, a exposición Vermellas. Chamábanlles rojas, baseada no poemario de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Xerais hai dous anos, Ámote vermella. A exposición céntrase, igual que o poemario, nas mulleres que sufriron a represión en Galicia logo do golpe militar de 1936 debido á súa ideoloxía de esquerdas.

O xornal Galicia hoxe recolle información sobre a exposición, que reproducimos:

Na mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, achega a súa visión sobre as mulleres que padeceron esta represión un grupo de traballo formado por Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Domínguez, Gustavo Hervella, Chus Martínez, Antonio Somoza e o Proxecto “As vítimas, as voces, os nomes e os lugares”. Os investigadores deste equipo achegan os datos históricos á exposición; conclúen que foron 397 as galegas que sufriron humillacións e vexacións, perderon seres queridos, cumpriron penas de cárcere ou foron asasinadas.

En diferentes paneis, pódense ver fotos das mulleres que padeceron o terror, un mapa dos lugares da represión da muller en Galicia -onde destacan polo seu número de represaliadas Coruña e Vigo e con maior represión, con resultado de morte, A Coruña, Vigo e Ferrol- ou proxéctase o vídeo da visita do presidente da República, Alcalá Zamora á Coruña en 1934 pertencente ó Fondo da familia Suárez Ferrín.

As mulleres foronsancionadas, enxuízadas, postas ante pelotóns de fusilamento, atopadas tiroteadas nas cunetas ou desaparecidas; outras rapadas e purgadas nun contexto de abusos e escarnio dos vencedores. Pero a exposición tamén mostra mulleres capaces de rebelarse contra a pretendida vergoña social, que mostran publicamente a súa cabeza pelada.

Inclúe documentación literaria, autoría de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, e complétase ca música dun grupo de novos e novas intérpretes que colaboraron na gravación dun CD dedicado ás vítimas da represión franquista, e cuns gravados de Sara Lamas. A mostra foi inaugurada no 2009, e agora acóllea o Concello de Vigo con motivo do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo.

Comentarios pechados