Menu Xerais

«A pantasma de Canterville»: regresa Oscar Wilde, sensibilidade e talento

Carmen Ferreira Boo publicou onte en El Correo Gallego unha reportaxe sobre A pantasma de Canterville, de Óscar Wilde, publicada por Xerais.

Regresa a pantasma de Oscar Wilde: sensibilidade e talento

A mocidade galega pode gozar grazas á renovada colección Xabaril da obra ‘A pantasma de Canterville’ e outros contos

O escritor irlandés Oscar Wilde (Dublín, 1854-París, 1900), recoñecido pola súa sensibilidade, o seu extraordinario talento para a narración curta e pola defensa da “arte pola arte” é un deses autores clásicos universais que continúa engaiolando a todo tipo de lectorado, desde os novos aos vellos, como se demostra coas numerosas reedicións das súas obras.

Neste ano 2011 a renovada colección “Xabaril” de Edicións Xerais de Galicia volve sacar do prelo o conxunto de seis relatos A pantasma de Canterville e outros contos, no que se prescinde das ilustracións interiores e da introdución contextualizadora de edicións anteriores, mais sen renunciar ás notas a rodapé. Desde que aparecera esta obra por primeira vez no ano 1983 na colección “Xabarín” con introdución, tradución e notas de Gustavo Luca de Tena e ilustracións de M. Fragoso, foron moi numerosas as súas reedicións. É de salientar que tamén foi incluída na colección “Xabarín de Ouro” no ano 2003, cun cambio nos peritextos das ilustracións a cargo de Federico Fernández Alonso.

O volume iníciase co conto que lle dá o seu título “A pantasma de Canterville”, unha historia fantástica sobre pantasmas, escrita en 1887, na que se amosan as reaccións da familia norteamericana do embaixador Hiram B. Otis ante a aparición do espectro de Sir Simon de Canterville, condenado a vagar polo pazo inglés dende o ano 1584 por asasinar á súa muller, Lady Eleonore de Canterville. Lonxe de se atemorizar, a familia, caracterizada polo seu pragmatismo e materialismo burgués, búrlase e mófase de todas as acción da pantasma que, aínda que emprega todos os disfraces e recursos que lle outorgaran un grande éxito noutros tempos, non é quen de amedrentrar aos destemidos señor e señora Otis e aos seus fillos Washington, Miss Virxinia e os pequenos xemelgos. A pantasma réndese e, axudada por Miss Virxinia, consegue o descanso eterno.

Wilde reescribe por medio da parodia e o humor os dous motivos principais do conto gótico de pantasmas, a aparición da pantasma e a casa encantada, tan do gusto do lectorado mozo, configurados desde a literatura latina no relato epistolar de Plinio o Mozo, para amosar as diferenzas e enfrontamentos entre a nova e moderna sociedade americana e a tradicional sociedade victoriana británica.

Os demais contos que completan o volume salientan polo seu lirismo, as descricións detalladas e os valores implícitos que amosan. Así, nos contos “O Rei novo”, “O rousiñol e a rosa”, “O xigante egoísta” e “O príncipe feliz” destaca a mensaxe de esperanza e solidariedade, mentres que en “O crime de Lord Arthur Saville” se amosa o poder que teñen as predicións quirománticas, pois Lord Arthur, deixándose levar polas indicacións do Sr. Podgers, comete un asasinato para así realizar o seu destino.

Carmen Ferreira Boo

Deixa un comentario!