Menu Xerais

Adianto de «Extramunde», de Xavier Queipo, Premio Xerais 2011, no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia

O suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, ofreceu o pasado sábado un adianto da novela Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais 2011. Reproducimos o texto introdutorio:

Viaxe ao XVI nunha nave de tolos
Culturas adianta o Introito» de Extramunde, a novela de Xavier Queipo galardoada co Premio Xeras, que narra a historia dun grupo de condenados pola inquisición.

«Unha hoste de condenados pola  Santa Inquisición, formada por  eivados e torturados, parte do  santuario dos embruxados cara  ao porto de Betanzos, guiados  pola man do Capitán Mourelle.
Alí, outra man, a de ferro do Capitán Lourenzo de Sousa, tomará o relevo para conducilos, a través dunha viaxe transoceánica, nunha goleta que ten como misión abandonar os condenados á súa sorte na selva de Guiana».
Este é, brevemente, o argumento de Extramunde, a novela do escritor Xavier Queipo (Santiago, 1957) galardoada co Xerais 2011.
O xurado do premio destacou especialmente «a calidade da súa escrita, na que destaca un arranque espectacular e unha enorme plasticidade».
O escritor, licenciado en Bioloxía e Medicina e Cirurxía, vive en Bruxelas desde 1989, onde traballa como funcionario da Unión Europea. Este galardón vén coroar o seu brillante labor como narrador ao longo de vinte anos «de dedicación constante, de persistencia na escrita e, dalgún xeito, de resistencia contra a ignominia», segundo o propio  autor.
Queipo explicou que Extramunde xorde «dunha forza interior, da ansia por escribir, por contar historias que ninguén contara, por retorcer a linguaxe ata abrir novos camiños formais.
Na escola aprendéranme o importante que é o contrato que o escritor establece co lector nas primeiras páxinas e así foi que arranquei a escrita desta novela cun inicio alucinado que nos ha  levar, tras múltiples navegacións e peripecias a un final reflexivo».

Deixa un comentario!