Menu Xerais

Ánxel Vázquez de la Cruz presentou «Luz de Tebra» da man de Barbantia

Ánxel Vázquez de la Cruz presentou Luz de Tebra en Ribeira da man de Barbantia. Reproducimos a información de Moncho Ares en La Voz de Galicia:

O suplemento A Voz de Barbantia é como o curso escolar: cada tempada empeza en setembro e remata en xuño. Por este motivo, a cita do pasado venres, que tivo lugar en Ler Librerías da Pobra , converteuse nun brillante broche de ouro que contou cun convidado de excepción, Ánxel Vázquez de la Cruz, que compareceu para facer a presentación do seu primeiro libro de relatos, Luz de Tebra, que, editado por Xerais, xa acadou a súa segunda edición.

O encontro estivo animado e divertido grazas á personalidade deste médico nado en Tui pero radicado e exercendo na Coruña, que, como confesou, sempre tivo unha visión literaria da vida, pero que deixou para moi tarde a publicación dun libro, que era precisamente do que se falaba nun escenario adornado por centos de volumes.

En primeiro lugar, interveu o presidente de Barbantia, Xesús Laíño. Despois de lembrar aos presentes a importancia de seguir mantendo viva a chama do suplemento cultural, que acadou este mes o número 66, falou de Luz de Tebra. Contrastado crítico literario como é, Laíño sinalou que o volume é fácil de ler, aínda admitindo que esa consideración de facilidade non ten hoxe boa prensa, pero remarcou a complexidade de escribilo, polo que invitou aos lectores a penetrar nesta obra de Ánxel Vázquez.

Nadador de río

Tomou logo a palabra Fidel Vidal, psiquiatra, escritor e amigo de Vázquez. Este ribeirense empezou a súa intervención en ton de humor, sinalando que sempre sentiu envexa da xente que era capaz de cuspir polo medio dos dentes e dos nadadores de río, referíndose neste último caso ao autor de Luz de Tebra, porque medrou na beira do Miño do que se notan influenzas na obra. Vidal explicou os animados e agradables momentos que pasou con Vázquez na súa casa, e asegurou que é un magnífico narrador que, agora, tivo o acerto de poñer negro sobre branco na obra que se estaba a presentar.

Tamén dirixiu unhas palabras ao autor e ao público o socio de Barbantia Xosé Ricardo Losada. Fíxoo porque, con motivo dun traballo sobre Faustino Rei Romero, pediulle unha entrevista a Ánxel Vázquez e o trato que recibiu del comparouno co que un avó acostuma a dispensar a un neto. Este mestre de Filosofía do instituto de Espiñeira coincidiu cos seus antecesores no uso da palabra, ao destacar os atractivos da obra que se estaba a presentar, facendo fincapé nas situacións opostas que se poden atopar ao longo da lectura dos relatos que integran o libro.

Ánxel Vázquez de la Cruz meteuse ao público no peto porque todas as referencias á súa personalidade, que os seus compañeiros expuxeron publicamente, quedaron de manifesto na simpatía e na forma de explicar como chegou a escribir un libro de relatos.

Viño en Casa Florinda

Vázquez expresou a súa honra por ter a oportunidade de estar nunha comarca que cualificou como «centro do mundo literario» polos escritores que saíron das súas terras. A continuación explicou como decidiu empezar a escribir o libro hai tres anos. Foi nunha ocasión que foi cun amigo á taberna Casa Florinda, á que, de mozo, acudía con Faustino Rei Romero, e pediron tres botellas de viño: «Unha para min, outra para o meu amigo e a terceira para Faustino, pero como non a bebía, tivémola que tomar nós».

Deixa un comentario!