Menu Xerais

«Boa síntese sobre a Guerra civil»: Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre o libro de Federico Cocho

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España, do xornalista Federico Cocho.

Boa síntese sobre a Guerra Civil

O 18 de xullo de 2011, setenta e cinco anos despois de que a sublevación de parte do exército dese lugar ao estalido da Guerra Civil, rematouse de imprentar este libro de Federico Cocho, que engorda a colección “Memoria” de Edicións Xerais, una colección que xira ao redor da contenda civil e dos anos de posguerra, cos seus efectos perverso sobre os vencidos e aquelas persoas que dalgún xeito foron considerados afíns á ideoloxía democrática e ao goberno republicano. O xornalista Federico Cocho presenta neste volume unha boa síntese sobre o que foi a Guerra Civil, remontándose aos seus antecedentes (a II República), mais tamén referíndose ás súas consecuencias inmediatas: os fuxidos e a guerrilla, os campos de concentración e cárceres do franquismo, así como a represión na inmediata posguerra.

Federico Cocho analiza o desenvolvemento da Guerra Civil en Galicia e en todo o territorio do Estado, mais sempre desde a perspectiva galega. Esta visión totalizadora do conflito, mais desde unha perspectiva galega é un dos acertos evidentes do libro.

No haber dos acertos cómpre sinalar tamén o estudo que se fai das causas da Guerra Civil e das consecuencias nos primeiros anos da posguerra, como xa indicamos no primeiro parágrafo desta recensión crítica.

O libro desfai outro tópico moi manido: o do conservadorismo galego. Galicia quedou nos primeiros momentos da sublevación dentro da España franquista, polo que serviu de graneiro da España franquista e tamén de subministradora de materiais e de soldados. Mais tamén foron moitos os galegos encarcerados, paseados ou exiliados ou os que se puxeron ao lado da República porque a guerra os atopou en zona republicana ou porque se pasaron ás filas da República. Por outra banda, moitos do voluntarios galegos do exército franquista fórono para fuxir da represión.

O libro iníciase coa análise do período republicano. Aínda que estamos de acordo en xeral co dito nesta sección, cómpre indicar que nos parece esaxerado falar  a propósito da República dunha democracia sen demócratas. O autor subliña que a Constitución republicana por laica, por exemplo, deixaba fóra os católicos. Mais isto non é así. Moitos católicos consideran que o Estado debe ser laico. Por outra banda, a posibilidade dos estatutos de autonomía ou o sometemento do poder militar ao poder civil alporizaba os militares. Cómpre lembrar que nas democracias imponse o voto das maiorías e se a maioría de España quería unha constitución marcada polo laicismo, o ensino público, o sometemento do poder militar ao civil ou a posibilidade de encamiñarse cara a fórmulas federais do Estado, os que non estean de acordo teñen que loitar por cambiar as cousas democraticamente, nunhas novas elección ou nun novo referendo, pero nunca por unha sublevación militar.

Neste sentido disentimos da interpretación que o autor fai da Transición, en que defende os pactos aos que se chegou cos chamados poderes fácticos para, segundo el, que non quedase ninguén fóra da Constitución. O certo é que na Transición nunca se propuxeron a referendo nin se lle presentaron claramente ao pobo eleccións como as da forma de Estado (república ou monarquía?), estado federal ou centralista etc. polo chamado medo aos poderes fácticos (o gran capital, a burocracia franquista, a Igrexa, o Exército). Os partidos teoricamente antifranquistas aceptaron e pasaron polo aro, co apoio dos medios de comunicación, asoballadores da opinión pública, por medo a estes poderes fácticos.

Xa que logo, non todo é tan bonito na Transición. Desde estas páxinas xa temos dito centos de veces que iso non foi unha Transición, senón unha Transacción, marcada polo medo aos chamados poderes fácticos. O autor, que é tan xeneroso en reproducir todo tipo de opinións sobre a Guerra Civil e as súas consecuencias, tamén debería recoller esta. Xa que logo, o libro neste eido (e é posiblemente a única tacha que lle apoñemos) instálase na interpretación oficial da Guerra Civil e da Transición dos historiadores como Santos Juliá ou de El País e o grupo de intelectuais ligados a este medio.

Con todo, a síntese sobre o período republicano é moi boa e resume en poucas páxinas o principal desta etapa. Do mesmo xeito analiza moi ben os meses da conspiración (co gran papel de Mola e o cativo da Falanxe), o golpe en Galicia e en España, así como o exterminio dos líderes políticos e cidadáns, nun plan claramente establecido polos franquistas. Así mesmo analiza moi ben os episodios principais da Guerra Civil como a resistencia de Madrid, o contexto internacional, a participación dos galegos en ambos os dous bandos, o papel a favor dos sublevados da Igrexa (con especial énfase no arcebispo de Santiago, un dos grandes creadores do concepto de cruzada). Non pasa por alto o terror na zona republicana e analiza episodios célebres como o de Paracuellos.

Nas últimas partes do libro, analízanse as consecuencias da Guerra Civil na inmediata posguerra: cárceres e campos de concentración para os franquistas, o exilio, as depuracións, os fuxidos e o maquis…

Outro acerto é a inclusión no remate dos capítulos de biografías sintéticas sobre os persoeiros máis destacados tanto do bando republicano como do sublevado.

Boto en falta no libro, máxime despois das investigacións de Amoedo e outros, a análise do comportamento que tiveron tras o golpe destacadas figuras do republicanismo ou do galeguismo. Habería que falar máis polo miúdo dos comportamentos de Risco, Cunqueiro, Torrente Ballester… ou mesmo da actitude que amosou quen dá hoxe nome a unha das fundacións máis citadas de Galicia: Pedro Barrié de la Maza.

Xa que logo, o libro realmente non fai investigación, pero ofrece unha extraordinaria síntese do que foi a Guerra Civil en Galicia e en España desde unha perspectiva xenuinamente galega. Láiase o autor no prólogo que hoxe case non se toca o tema da Guerra Civil nas clases de historia dos nosos institutos e colexios de bacharelato. Non sería mala cousa que os profesores de historia de ESO e bacharelato considerasen que os seus alumnos deben rematar os estudos de Ensino Medio coñecendo o que ofrece este libro. É unha síntese sobre a Guerra Civil imprescindible e redactada cunha linguaxe propia da reportaxe xornalística que fai doada a súa lectura.

Neste comezo de curso non me queda máis que aconsellar que o profesorado utilice este libro para preparar as súas clases, mais tamén para que o lea o alumnado, aínda que non sexa enteiro, polo menos algúns anacos.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!