Menu Xerais

Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Vía secundaria», de An Alfaya

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Vía secundaria, de An Alfaya.

Cavorcos de soidade

Con acenos de novela negra

Por veces, un bo desenvolvemento narrativo é capaz de anular as distancias que median entre as chamadas baixa / alta literatura. Tal é o caso desta novela folletinesca de An Alfaia, condicionada na súa estrutura polas esixencias formais dunha novela de entregas.Vía secundaria bota a andar cun atropelo que ten lugar nunha vía secundaria e que fai agromar un rodopío de intemperies vitais nas que habitan os personaxes principais desde relato coral. Un fío narrativo que non se extravía en secuencias sen interese, un ritmo argumental apropiado, pegada da escrita da autora, contribúen a facer que o lector se mergulle na cerna deste relato.

O accidente e intento de asasinato é o elemento que desencadea a intriga, por veces detectivesca e con acenos de novela negra, pero non se trata máis que dun pretexto para tradear no interior dos personaxes: esas parellas escravas de covardías, contradicións… expectativas fanadas, e retratadas sen chisca de compaixón. A intriga, e sobre todo a sondaxe dos conflitos psicolóxicos dos protagonistas, aos que as faenas do destino fai que se crucen, constitúe a cerna desta entrega na que o verdadeiro illamento non é o barranco domonte, senón os cavorcos de soidade nos que habitan personaxes que atopan a felicidade tras o parapeto da pantalla do ordenador.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!