Menu Xerais

Cine, realismo, fantasía e melancolía en «Fantasmas de luz», de Agustín Fernández Paz. Crítica de Xosé Manuel Eyré en Galicia Confidencial

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz.

 

Novela de homenaxe ao cinema

Esta semana, o libro de referencia é ‘Fantasmas de Luz”, unha obra de Agustín Fernández Paz, ilustrada por Miguelanxo Prado e publicada por Xerais.

As festas destas datas son moi propicias á melancolía, a botar a ollada atrás e facer revisión do vivido, e, polo tanto, marco moi acaido para títulos como o que imos comentar hoxe, que nos chega desde a narrativa competente de Agustín Fernández Paz e as ilustracións dun mago  da cor e as liñas como Miguelanxo Prado. Toda a unha garantía para confeccionar un título interesante, e onde as dúas artes de contar historias se complementan de xeito moi acaido. Dúas artes de contar historias unidas para homenaxear unha terceira: o cinema. Entre as tres se teñen auxiliado en múltiples ocasións, as tres se beben continuamente. Abonde lembrar títulos como os Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer ou aquel volume colectivo titulado Narradores de cine, ambos tamén de Xerais, escusando o non entrar no tan complexo mundo das influencias da sétima arte nos modos e maneiras da narrativa.
E queremos comezar polas ilustracións, a achega de Miguelanxo Prado, os seus deseños  teñen o poder de lembrarnos que se está a falar da vida real, que é o que interesa, a vida real e os problemas dos seus habitantes, eses conflitos que fan de calquera peón un heroe, non porque os resolva senón máis ben porque malia a problemática consegue seguir adiante. Á vez que presta moito coidado en lembrarnos que o que vemos/lemos non é a realidade, senón unha fantasía sobre o real. De xeito que nunca desinstala no lector a necesidade crítica senón que apela a ela, volvéndoa aliada súa.
Pola súa banda, a historia que novela Agustín Fernández Paz tamén camiña entre o realismo, a fantasía e a melancolía, sen faltar doses de humor e apelando tamén á conciencia crítica. Conta historia de Damián e Marga, como se volven invisíbeis. Nada que non lle pase a calquera fillo de veciño. Cando despiden o vello proxectionista do cinema Soñadores, a súa vida e dos que o rodean comeza a mudar. E case paralelo a ese comezo da muda é do entrada da aforística cinematográfica no discurso. Porque a vida de Damián non se entende sen o cinema, dito con outras palabras, o cinema, as historias do cinema son un instrumento nas mans de Damián para entender a vida. Algo moi importante, pois do mesmo xeito que a ficción axuda a Damián debe o lector ter en conta que Fantasmas de luz tamén pode poñer o seu lombo na interpretación da actualidade cotiá.
Son moitos os filmes aos que se recorre, son moitos os filmes desta homenaxe ao cinema. E no remate ofrécese un completo dossier deles. Maioritariamente cinema made in Hollywood, tanto é así que nin se menta algún título da curta e heroica vida do cinema galego.
E a historia novela ten unha estrutura moi marcada. Primeiramente ofrécese a historia da invisibilidade de Damián, ou como calquera pode rematar sendo excluído da sociedade, abonda que reciba unha carta de despedimento para que se decate. A historia de como Damián e Marga tornan invisíbeis, e como na república da invisibilidade non son os únicos, ni moito menos. Contada con sentimento, unhas pingas de humor e o saber narrativo dun dos nosos máis celebrados autores, non demora nada o lector en empatizar fortemente coa historia. Raro será que, a novela vai destinada preferentemente a lectores adultos, varios ou moitos deses títulos non os teña gardados na memoria cinematográfica propia. E que o que se está contando é vida levada á fantasía, non ofrece dúbidas. Vida levada á fantasía para homenaxear a fantasía e que axuda a levar e enteder a vida.
Logo, e porque a historia da invisibilidade de Damián e Marga ( a parentela con O home invisíbel e o O Home sen sombra, resulta innegábel, son dous títulos centrais nas referencias cinematográficas) tampouco é moi longa e non se pretende outra cousa que relatar ese proceso, aínda se ofrecen media ducia de “Tomas extra”. Seis engádegas narrativas que retoman a historia para complementala, complementala sen redimensionala, de xeito que tamén  se poden ter como convites para que o lector reflexione sobre a historia contada.
Nin máis nin menos.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!