Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Cara B», de Ignacio Silva

Armando Requeixo deu á luz unha crítica sobre Cara B, de Ignacio Silva que se publicou onte nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, e que agora pode lerse tamén no seu blog. Reproducímola integramente:

A cara B de Ignacio Silva

Saudar a aparición da obra primeira dun autor novel é sempre un motivo de satisfacción. Primeiramente porque aos amantes da literatura se lles abre una nova fiestra pola que ollar outros horizontes e, en segundo lugar, porque un dos traballos máis gratificantes para un crítico literario é poder participar dese pequeno milagre que é asistir ao nacemento doutra voz que poderá axudar a manter acesa a chama milenaria dunha escrita como a nosa.

Ignacio Silva cumpre con ese rito iniciático ao publicar Cara B, volume no que se compilan tres novelas curtas que, baixo a aparente diversidade das súas temáticas e argumentos, esconden reveladoras coincidencias nas trabes mestras que as sosteñen.

Deste xeito, aínda que Cara B é un libro por agregación, pois en puridade non é senón a edición por xunto de tres textos gañadores doutros tantos certames (o Premio de Micronovela Concello de Soutomaior 2009, o Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira 2009 e mais o Premio Valle Inclán da Pobra do Caramiñal 2008) e, por tanto, fai obvio o feito de que estas historias non foron ideadas para formar parte de ningunha estrutura unitaria ou integral, porén, é tamén certo que todas tres remiten a unha mesma arquitectura estrutural: este tríade de relatos defronta os individuos cos seus propios límites, asédiaos psicoloxicamente nun momento das súas traxectorias no que as circunstancias que deben superar acaban por poñelos contra as cordas, provocando reaccións extremas e inesperadas.

En “Cela aberta” son os horrores das torturas carcerarias que sofre a parella protagonista os que os impelen ás máis baixas paixóns, castigando a súa conciencia de por vida. Xustamente neste retrato das terribles metamorfoses ás que o instinto de supervivencia pode arrastrarnos está, coido, o mellor do relato, que talvez gañaría aínda máis se non forzase cun final no que se propoñen convivencias entre familiares que non se recoñecen que resultan pouco cribles.

Da súa parte, “Vertixes” beirea os territorios do melodrama amoroso, cunha trama de relacións afectivas mal dixeridas que acaban ensanguentándoo todo. O mellor, neste caso, é sen dúbida a técnica contrapuntística suturada a un constante vaivén de saltos temporais que nos regalan unha perspectivización fondamente suxestiva dos feitos narrados, acerto que non conseguen apagar os excesos de arremedo de catártica traxedia que na última parte da historia deixan todo en coma.

Por remate, “Escintileos” narra as asombrosas experiencias dun tipo que padece constantes episodios de amnesia e que loita denodadamente por lograr unha anamnese sequera parcial que lle facilite reconducir a súa caótica vida. Unha historia, por demais, onde precisamente a hábil dosificación narrativa dos enigmas que agocha ese pasado do protagonista son o máis consistente e atractivo, facéndonos esquecer o abuso das coincidencias entre personaxes que asoman nos derradeiros parágrafos.

Sen estridencias nin espaventos, a prosa efectiva de Ignacio Silva ofrece tres relatos estimables que nos recordan a fraxilidade das nosas condutas, a mutabilidade dos nosos principios e a imprevisibilidade dun futuro no que, quen sabe, se cadra agardan por nós as máis grandes sorpresas.

Armando Requeixo

Comentarios pechados