Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Lois Pereiro. Breve encontro», a novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano

Armando Requeixo publicou no seu blog unha recensión crítica sobre Lois Pereiro. Breve encontro, a novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano. Reproducímolo integramente ao tempo que aproveitamos para informar de que xa está en marcha a fabricación da 2ª edición deste libro, dado que a primeira se esgotou con rapidez.

A banda de Lois

Jacobo Fernández Serrano ten un especial ollar para as cousas das nosas letras. Demóstrao sobradamente en Lois Pereiro. Breve encontro, o volume de banda deseñada no que biografa en imaxes ao autor monfortino.

En branco e negro, cun viñetado deliberadamente asimétrico, atinados xogos de fundidos en escuro, globizados puntuais e caricaturas que por veces se saen á matenta do enmarque, invadindo creativamente espazos contiguos, creando un sensación sinesticamente táctil de lostregueo visual.

Ben documentada, esta historia icónica que Fernández Serrano nos propón camiña a rente do Lois Pereiro máis humano e, sen escurecer o persoeiro literario, devólvenos unha súa visión definitivamente máis próxima.

Para o meu gusto, entre o melloriño as ilustracións a dobre plana e, tamén si, so retratos do poeta, moi elaborados e de trazo sutil.

Se o que procuran é unha aproximación amena a vida e a obra de Pereiro, este cómic é a súa escolla. Mágoa que Xerais acordase tan tarde e a publicación se distribúa acabando o curso. Centos de escolares perderon a oportunidade dunha recomendación oportuna dos seus profesores, porque xa se sabe que, neses eidos, ao pasar o día, pasa tamén a romaría.

Deixa un comentario!