Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas.

Manuel Portas, de boa tinta

Un dedo manchado de tinta, a última entrega narrativa de Manuel Portas, recupera para a cidade de Santiago de Compostela a centralidade da prosa de creación.

Media ducia de historias compoñen este volume que, se ben se tesela estruturalmente a modo de novela, na súa arquitectura interna aparece como un panelado casular onde cada relato longo goza de total independencia, de tal xeito que o libro, ollado ao microscopio, amosa ás claras as células narrativas autónomas, máis contemplado a simple vista non mente na súa aparencia orgánica.

O que Un dedo manchado de tinta ofrece, por tanto, é un entrelazado de sucederes sorprendentes —ou non tanto— que lles acontecen a seis personaxes de radicación compostelá e extracción social e dedicación profesional abondo diversa: un funcionario do concello, traballador e abnegado, que ten como cometido buscar os familiares galegos de vellos emigrantes; a dura vida dun vendedor ambulante senegalés que, inesperadamente, atopa o amor e se ve envolveito nun asunto criminal; as intensas vivencias carcerarias dun preso acusado de violación a unha menor e a tensa soidade na que vive ese presidio a súa parella; a denodada (e case épica) loita sindical na que se embarca unha caixeira de supermercado por un despido improcedente ou a fuga de auténtico relato de espionaxe á que se ve obrigada unha detective privada que procuran para liquidar.

Todas estas tramas oscilan entre o literario e o metaliterario, pois, nunha xeometría esférica, a obra comeza e remata cos pensamentos e observacións dun outro personaxe que presenta / imaxina as vidas dos restantes, nun xogo especular deliberadamente ideado para suspender o descrimento duns relatos que mesmo van antecedidos duns “Prolegómenos para unha lectura axeitada” que asina o tal personaxe condutor.

A prosa de Portas gaña aos puntos, nunca por K.O. A súa non é escrita de grandes efectismos, de parágrafos de albumina lírica hiperproteínica. O seu é ir soltando a lazada ata que un, irremediablemente, se ve atrapado pola intriga dunhas vidas anónimas moito máis fondas e vizosas do que a primeira vista puidesen semellar. Unhas vidas, cabe dicir, que se fan cribles e próximas pola sensibilidade coa que o autor sabe interpretar emocións e sentimentos, espellando un viveiro feraz de situacións resoltas con humana verosimilitude.

Mais Un dedo manchado de tinta é tamén un libro singular dende o momento no que a súa pegada creadora vai alén das propias páxinas da obra para se proxectar musicalmente nas cancións que Clara Pino e Rubén Abel, integrantes do grupo Loaira, compuxeron para cada un dos personaxes do sexteto protagonista, temas que figuran no CD que acompaña o volume, ao que dan vida harmónica máis alá da súa agonía pirandelliana.

Para este verán que agora andamos a cruzar —e para todo tempo, xaora— recomendo a lectura deste Un dedo manchado de tinta, artefacto narrativo co que Manuel Portas ingresa de pleno no selecto club dos autores de noso que paga a pena seguir.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!