Menu Xerais

Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre sobre Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas.

Pequenos dramas anónimos

Sen prolegómenos e de forma serodia entrou hai un ano Manuel Portas nos eidos da creación literaria. Foi coa súa primeira novela, Denso recendo a salgado, que recibimos   como unha realidade literaria consolidada. Recunca agora con Un dedo manchado de tinta, unha novela cunha estrutura singular e innovadora: ganduxada co fío e a agulla de cinco historias que o lector empeza a ler sen se decatar de que entre elas hai unha relación aparente, subterránea quizais, que reflicte esa condición estocástica  da vida nunha xeografía urbana como a cidade de Santiago, onde conflúen e interactúan, vidas anónimas, mundos ateigados de experiencias comúns ou dramáticas. Advírtello ao lector testán, xa desde os prolegómenos, o alter ego do escritor: isto non é unha novela, ou polo menos non é unha novela ao uso. Xa que logo, unha das poucas fórmulas narrativas innovadoras, experimentais e con trazos metanarrativos, que cómpre ensaiar no nos país, aínda que se corran riscos e xurda un cadoiro de interrogantes e pasmos nalgunha crítica.

As cinco historias desenvólvense en cadanseu capítulo, ao xeito de novelas breves.  Unha pluralidade de voces que acoden  e acoutan o xogo da realidade e da imaxinación e reflicten a diversidade social que se atopa en calquera das nosas cidades. Novela de personaxes que converten, porén, esta achega de Manuel Portas nunha peza coral que reivindica a humanidade daqueles que nunca ou case que nunca foron tratados como seres humanos e que teñen conciencia de que a felicidade é algo alleo as súas existencias. Tal é o vivir de Alberte, o funcionario municipal, teimudo na busca dos familiares dos vellos emigrantes galegos; o de Malulú, o emigrante senegalés, vendedor ambulante que só pola cor da súa pel se ve enleado nun asunto criminal; tamén as duras experiencias no cárcere dun home acusado de violar a unha menor, filla da súa parella e a dramática decisión desta de crer á filla ou ao home do que está namorada. Ou a vivencia doutra nai, a sindicalista Cristina, comprometida coa xustiza e coa verdade nun despido improcedente. Finalmente, os riscos extremos dunha avogada e investigadora privada nun asunto de corrupción nunha recualificación urbanística. Heroes ou antiheroes de pequenos dramas anónimos que comparten afectividades desbaratadas, fracasos existenciais e radiografan biografías de seres do común. As súas aventuras/desventuras convértense, no conxunto desta peza, en fraccións vitais dunha novela sobre a vida, moi existencial, narrada con frescura e asemade profundidade.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!