Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Loita de clases e represión no mar (1864-1939)», de Dionisio Pereira

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog unha recensión sobre Loita de clases e represión no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira. Reproducímolo integramente:

Sindicalismo mariñeiro

Unha visión interesada da historia de Galicia tenta presentar o noso país como un lugar atrasado e conservador onde os movementos sociais, como o do sindicalismo, por exemplo, apenas tiveron presenza e repítese unha e outra vez que o galego é insolidario, desconfiado e non sei cantas cousas máis, de xeito que os movementos civís e sindicais non son propios da nosa comunidade. Libros como este de Dionisio Pereira están a ofrecernos unha visión máis acaída da Galicia do remate do século XIX e do primeiro terzo do XX, que aparece como unha comunidade atenta aos movementos sindicais ou civís propios da modernidade.

Dionísio Pereira pasa revista aos distintos movementos sindicais e reivindicativos que se producen nos portos galegos desde a época da Restauración ata a chegada do franquismo. O seu estudo abarca un período que, como indica o título, vai de 1864 a 1939.

O autor vai estudando os distintos movementos e asociacións mariñeiras que xorden nestes anos para mellorar as condicións de traballo, salario ou descanso dos mariñeiros. Especial importancia ten a sección dedicada a estes movementos na época da II República. O autor conclúe que a implantación da CRT-CNT tiña unha grande importancia cara a 1936, de xeito que era unha forza social de primeira magnitude nas cidades e vilas costeiras galegas (páx. 207).

Toda a segunda parte do libro dedícase ao estudo da represión franquista contra os mariñeiros galegos militantes en sindicatos de clase entre 1936 e 1939. Sinala como a gran maioría da patronal pesqueira foi favorable ao golpe de Estado de 1936, onde destacan personaxes como o mozo Rafael Jesús Portanet, que chegaría a ser alcalde franquista de Vigo entre 1964 e 1970 e ata ten algunha rúa dedicada á súa memoria na cidade de Vigo… Parece que o pai do devandito alcalde ata puxo o seu capital ao servizo dos exército rebelde. Apelidos coñecidos da patronal pesqueira e mariñeira aparecen citados e estudados por Pereira como instigadores e defensores do golpe de Estado do 36 e topamos cos apelidos de Albo, Cerqueira, Tapias, Massó ou Alfageme.

Dirixentes e militantes sindicais serán non só perseguidos e encarcerados, senón mesmo paseados polas chamadas brigadas del amanecer, en episodios dignos de figurar na historia da infamia universal. Con gran valentía, Dionísio Pereira, non só dá o nome dos represaliados, senón tamén dos denunciantes e mesmo dos membros das devanditas brigadas del amanecer. Se en xeral o autor sinala que a patronal apoiou o golpe de Estado, tamén sinala, con grande obxectividade, o comportamento dos armadores ou propietarios de fábricas de conservas e salgaduras que mantiveron o seu apoio á República e mesmo a represión que sufriron. Xa que logo, a obxectividade do libro é incuestionable.

En fin, o libro, á marxe dos datos estatísticos, conta tamén historias de represión que arrepían, como o caso dos paseados na enseada da Bombardeira, preto de Baiona. O libro remata cun interesante estudo das fugas por mar para escapar da represión franquista e conta así mesmo cun interesantísimo apéndice documental, no que hai que salientar os cadros dedicados aos membros da patronal mariñeira que estaban afiliados á Falanxe entre 1936 e 1939.

Xa que logo, estamos ante un libro que é de consulta obrigada e que debe figurar en todas as bibliotecas públicas e centros de ensino de Galicia, pois permite saber quen fomos, quen foron os reprimidos-torturados e quen os torturadores-represores, mesmo con nomes e apelidos, pois á infamia cómpre pórlle nome e cara. Por outra banda, os asasinados-represaliados-torturados merecen todo tipo de gabanzas e agradecementos, pois o que poida haber de xusto e libre nesta nosa sociedade do século XXI a eles se debe en gran medida. Por iso, os seus nomes non deben quedar no esquecemento. Por iso, de novo hai que darlles as grazas a investigadores como Dionísio Pereira.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!