Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «Draga II. A metamorfose do Dragón», de Elena Gallego Abad

Paula Fernández publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Dragal II. A metamorfose do Dragón de Elena Gallego Abad. Reproducímola integramente:

Potencia argumental
Amizade, amor e compañeirismo

Con Dragal II. A metamorfose do dragón chega a segunda entrega dunha triloxía –a anterior entrega fora Dragal I. A herdanza do dragón– na que Elena Gallego Abad (Teruel, 1969), considerada xa por algúns como a Rowling galega, continúa a historia e mais as aventuras de Hadrián, o adolescente que, tras a morte en estrañas circunstancias de seu pai e grazas a un medallón, descobre o seu fantástico destino: converterse no último dragón galego. Porén, os obstáculos son inevitables –esencialmente, nesta sorte de novelas– e agora Hadrián debe protexerse de Dragal, que quere absorber a materia gris do seu cerebro.A axuda de Mónica e Don Xurxo será fundamental para o protagonista desta historia de reminiscencias medievais universais onde dragóns, profecías, cabaleiros, catacumbas e segredos milenarios, en lugar de existiren en mundos paralelos –sen dúbida a opción máis doada–, son trasladados ao século XXI. Motivos xa recorrentes na literatura xuvenil de corte fantástico, que se actualizan en Dragal ao inserilos na tradición galega ou ao revés, de maneira que a cultura de noso está presente en diversos aspectos que van dende a escolla de espazos tan característicos como a Poza da Moura até a idiosincrasia dos protagonistas. Aventuras de adolescentes, que parten dunha potencialidade argumental apoiada nun ritmo áxil, con valores e sentimentos inherentes a estas entre os que cómpre salientar a amizade,o amor e o compañeirismo, que veñen encher o interese e a demanda obxectiva de lectores satisfeitos despois da primeira entrega desta serie.

Paula Fernández

Deixa un comentario!