Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «Poderosa 3», de Sérgio Klein

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha crítica de Paula Fernández sobre  Poderosa 3, de Sérgio Klein. Reproducímola integramente:

O mundo na  man

Chiscadela feminista

A terceira entrega da saga protagonizada por Joana Dalva, que contou cun éxito notable no Brasil, presenta de volta novas aventuras desta rapaza adolescente que ten literalmente o mundo na man, pois posúe a abraiante calidade de vir transformar en real todo aquilo que escribe coa súa man esquerda. Desde logo,todo un valioso don que agora corre o risco de perder ao tempo que vai salvando aventuras que poñen de manifesto valores como a amizade, o amor, a lealdade, a solidariedade, o altruísmo ou a xenerosidade. Todo iso dentro dunha novela para adolescentes e na cal as relacións entres os personaxes,a linguaxe da protagonista e mais as referencias ao ámbito da informática achegan a quen le a un mundo que mestura o real e omáxico dunha maneira moi verosímil, próxima ao seu contornomáis inmediatomalia os aspectos sobrenaturais que non fan senón aumentar o interese pola trama e polos acontecementos que se van desenvolvendo ao longo das páxinas.
Sérgio Klein (Brasil, 1963–2010) recreou en todas as entregas de Poderosa un mundo respectuoso coas relacións entre os humanos: algo que fai deste volume,dos anteriores e dos que poida que veñan despois,–xa que a saga conta con cinco números dos que mesmo se falou de seren levados ao cinema– unha lectura moi recomendable para o alumnado de secundaria que, abofé, ha de gozar coas aventuras da poderosa Joana,unha protagonista digna da admiración dos lectores e que, sen dúbida, oferta unha chiscadela feminista a un xénero tradicionalmente dominado por magos e demais personaxes dotados de poderes extraordinadarios; nin que dicir, todos eles do xénero masculino.

Paula Fernández

Comentarios pechados