Menu Xerais

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Recendos de aire sonoro», de Antonio García Teijeiro

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog, Caderno da crítica, unha recensión sobre Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro. Reproducímola integramente:

Non é doado coñecer nin manexar con habelencia as claves creativas para chegar aos lectores máis novos; non é doado tampouco escoller o camiño da poesía para contactar con eles e, aínda menos, facer confluír nunha única proposta as pontes que unen dúas manifestacións artísticas como son a poesía e mais a música…, con todo e mais con resolución, Antonio G. Teijeiro, que vén de dar a coñecer hai pouco outro volume poético, volve transitar estes camiños como xa fixera nalgún sentido con Palabras envoltas en cancións.

Así pois, sensible a esta dinámica de darlle forma e voz poética a algo tan intanxible como a música e baixo a consideración, expresada por Daniel Barenboim, de que a “música é aire sonoro”, definición recollida á súa vez de Ferruccio Busoni, Teijeiro dálle corpo a esta intuición e constrúe, a través de breves composicións de factura sinxela e ritmo marcado, por veces exhibindo moldes da poesía popular, noutros casos abeirado a estéticas máis contemporáneas e mesmo de intención lúdica,  unha melodía musical e harmónica con versos inspirados nas posibilidades que o universo das voces humanas ou dos instrumentos musicais  poden suxerir…, velaí, entre outras, as presenzas do violín, a viola, a trompeta, a frauta, o óboe, a gaita, a guitarra ou o piano, ao que se lle dedica unha especial atención. Ao tempo, o autor non desbota a oportunidade para tributar unha pequena e sentida homenaxe a voces musicais queridas polo autor como Bob Dylan, The Beatles ou Beethoven.

Por último, só cómpre engadir que Fino Lorenzo realiza un traballo impecable e suxestivo como ilustrador deste libro, conxugando a técnica da colaxe con trazos coloristas, vigorosos e abertos, conseguindo unha interpretación harmónica e atractiva dos poemas. Por esta, e polas razóns arriba amentadas, este Recendos de aire sonoro debería ser un libro moi a ter en conta para os que, xa iniciados na lectura, queiran redescubrir e contaxiarse coa música a través da poesía.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados