Menu Xerais

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Ti non xogas!», de Silvestre Gómez Xurxo

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog unha recensión sobre Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo. Reproducímola integramente:

Sigo con moito interese, por diversas razóns, as achegas literarias de Silvestre Gómez Xurxo que comezaron desde o saudoso Conversas co Pai Seixas (1985), cando os libros de conversas eran ben pouco comúns. Desde aquela, o profesor natural de Mazaricos achegouse, polo de agora e case con exclusividade, ao ámbito da literatura infantil e xuvenil con novelas de grande éxito entre lectores como son Déixao medrar (2000), Ith (2001) e Todo vai ir ben (2005), nómina á que acrecenta, desde hai pouco máis dun mes, o título Ti non xogas! (2011), proposta narrativa para lectores de nove ou dez anos en diante e que condensa, ao meu parecer, algúns dos motivos que máis preocuparon ao autor en boa parte da súa obra como son, á marxe da recreación histórica perfilada en Ith, a exposición de conflitos que se formulan a idades temperás, polo xeral protagonizados polos propios rapaces e rapazas e sempre reflectidos con afán verista no medio dos ámbitos máis comúns nos que estes se moven acotío.

Dalgún xeito a expresión que lle dá título ao volume convértese na faísca, nesta ocasión, que prende un argumento a abalar entre os esteos que van conformando a propia personalidade, seguindo o devalar do  protagonista, un rapaz de nove anos chamado Suso, e  a denuncia dos abusos de poder e as discriminacións que se exercen a instancias do antagonista, neste caso outro rapaz chamado Róber. Como nexo de unión recórrese a un sorprendente recurso, focalizado nun branco pano de man que, con complicidade, introduce o factor  máxico.

Isto último outorgará moita rendibilidade ao desenvolvemento da novela pois o devandito obxecto de filiación fantástica contribuirá, de maneira destacada e sen nunca perder a verosimilitude que ofrece a naturalidade con que se transmiten os espazos domésticos e escolares, a solventar o reto que se formula na necesaria resolución dos propios problemas por si mesmo e a través do diálogo, sen por iso pechar a porta á solidariedade colectiva, que tantas veces incide de xeito favorable. Por todo o dito beizóns, mestre!

Ramón Nicolás

Comentarios pechados