Menu Xerais

Crítica de Vicente Araguas sobre «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa

O crítico Vicente Araguas publicou recentemenete unha recensión crítica sobre A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, o libro gañador do Premio Merlín 2010. A recensión viu a luz no Diaro de Ferrol e e en El Ideal Gallego. Reproducímola integramente:

Entro con curiosidade no Premio Merlín (de literatua infantil), “A filla do ladrón de bicicletas” (Edicións Xerais, Vigo, 2010), de Teresa González Costa, por ver que aires alenta territorio tan esvaradizo. E é que a literatura infantil, miñaxoia, ten sido percorrida, cando non tripada, por moito caralavada.
A literatura ou a canción. E aquí volverei poñer o “exemplo” de Bárbara Rey cantando, con voz augardentosa, “El cocherito leré” nun circo ao que acodín con Andrea, cando esta era pequena. (Sigo indo aos circos, evitando aqueles que toman aos nenos por parvos). Tampouco é mal exemplo o de Teresa Rabal, deixando a canción para adultos unha vez que foi deixada por ela, para adentrarse no proceloso mar do sonsonete infantil (ou infanticida). ¿E que dicir de Gloria Fuertes cos seus ripiois tan letais para o concepto poético que a paritr dela apañaron unhas cantas xeracións? ¿E que do nachiño que exercía na nosa literatura de espello e exemplo para os cativos mentres mantiña un blog moi agresivo agachado nun seudónimo tomado de Salinger?
Por estas e outras Por estas e outras razón, eu que me destetara lendo aos Grimm, Perrault, Bertoldo, Bertoldino e Cacaseno, Elena Fortún, Richmal Crompton ou Enid Blyton, quixen entrar no libro de Teresa González Costa (O Grove, 1975) con curiosidade, xa se dixo, non exenta dun certo morbo. Tamén dunha coiraza antipringue, non fose ser o demo. E atopei, mira por onde, un libro moi ben escrito, artellado con intelixencia e con argumento que é puro material sensible. Á parte, por suposto, as moi boas ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, que dan razón estética a un libro cheo de ética. Pero non da barateira, desa que expenden os colexios “comme il faut” a tanto o quilo (de libro de texto). A mensaxe que ceiba Teresa
González Costa é dunha ecoloxía altísima, tanto como os vóos de Serafina subida na súa Celerífera de piñón fixo. E é que argumentar a prol da bicicleta, neste mundo do auto canto máis agresivo, mellor, xa resulta moito. Pero é que ademais Serafina é un personaxe nada repelente, e nin sequera o seu contrapunto, a malvada “ma non troppo” tía Perfecta, consigue rebaixar un chisco o seu instinto poético. Arraiano no delirio, que iso é a boa literatura infantil, un salto louco no espazo surreal. Así que esta historia, da filla dun (polo demais invisible) ladrón de bicicletas, acaba en demencia aérea, con dislocacións que farán a delicia dos rapaces cunha fiestra ao Norte (como é a súa obriga). Un libro moi divertido, desde o instinto lírico que aparella, que lin encantado, sen necesidade dun baño posterior para desfacerme de pringues ou mentiras. Senón as que a propia literatura, a boa, trae consigo. A bici de Serafina vai a piñón fixo. A de González Costa, a piñón libre. E eu feliz de dar unha volta nela.

Vicente Araguas

Comentarios pechados