Menu Xerais

Crítica de Vicente Araguas sobre «Cara B», de Ignacio Silva

O crítico Vicente Araguas publicou unha recensión crítica sobre Cara B, de Ignacio Silva, nos xornais El ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol. Reproducímola integramente:

Poñer a boa cara

Os que medramos con música de fondo de vinilos (eu cheguei escoitar discos con materia menos flexible que a destes, ficando loxicamente lonxe dos discos de pizarra) sabemos moi ben que, tratándose de “singles”, ás veces son moi superiores as caras B destes. En epés ou longplays a cousa cambia, máis que nada porque a abundancia de contidos fai menos doada a opción.
A todo isto, eu a Ignacio Silva, autor precisamente de “Cara B” (Edicións Xerais, Vigo, 2011), non lle coñezo máis que as pezas narrativas, un conto e dúas “nouvelles”, os tres premiados en certames diversos, que este volumen insire. Ningunha titulada “Cara B”, o que me fai pensar que ou ben existe outro material agardando publicación por parte do autor carballés (de 1978) ou, o máis probable, que coidando no sórdido da súa temática (o que, obviamente, non implica crítica nin loanza pola miña banda) quixera definir a ela como o envés da vida, o patio de atrás desta, e por aí xa nos iriamos entendendo.
“Cara B”, en fin, está composto por unha historia de tamaño reducido, e dúas –xa se dixo– de meirande extensión. Polas que campa polos seus respectos este escritor novo, que promete cousas moi interesantes a teor do que aquí oferece. Asuntos de medos e perplexidades, crueldades interiores e de fóra, viaxes ao mundo da loucura que non o semella e da cordura definitivamente alienada.
Tamén un percorrido polas beiras do suicidio por causa dunha atracción fatal, mais que deixa no seu camiño algunha outra morte.
De maneira que Ignacio Silva, maneiras moi plásticas, do mundo da banda deseñada ou do cinema, toma cousas de Kafka ou Lovecraft, tamén de Borges ou do primeiro Ferrín, para sentar unhas bases. Que aínda teñen algunas dúbidas, sobre todo porque Silva non termina de empastar as súas “nouvelles”, o conto, “Cela aberta”, impecable, perdidas
un pouco no maremágnum temporal (“Vertixes”) ou na propia estructura narrativa (“Escintileos”). E é que non resulta doado levar a porto naves tan ambiciosas, en traxecto feito de golpe, nun formato medio.
O conto, xa se dixo, é outra historia, e o que nos plantexa desta voita Ignacio Silva moi ben resolvido. O que me fai devecer por un libro de relatos dun autor que demostra tanta pericia no percorrido breve. E non é que as “nouvelles” non sexan de interese. Sen dúbida que o son. Fáltalles tan só un chisco máis de afinación e menos precipitación nos desenlaces. Desta maneira, facilitando ao lector os tránsitos, o que obviamente non quere dicir tomándoo por parvo, a cousa mellorará por máis que estea xa nun plano ben curioso. Trátase soamente de axeitar un pouco as polainiñas dunha vestimenta, polo demais, dignísima.

Vicente Araguas

Comentarios pechados