Menu Xerais

Crítica de Vicente Araguas sobre «O bebedor de rakia», de Xesús Manuel Marcos

O crítico Vicente Araguas publicou unha recensión sobre O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos, nos xornais Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego, que reproducimos integramente:

A vida pola rakia

Esta rakia da novela de Xesús Manuel Marcos, e o seu nada santo bebedor, vai ser a bebida aquela da canción sefardita que nos dera coñecer Joaquín Díaz: “La vida do por el rakí, no puedo yo dexalo…”. Un brebaxe potentísimo que deixa aos seus usuarios tan dopados que nin sequera unha guerra como a última de Bosnia é quen de espertalos. Dun pesadelo longuísimo que a Alberte, o protagonista de “O bebedor de rakia” (Edicións Xerais, Vigo 2011), terminará levándoo ao cagarrón por un “Glasgow kiss” propinado á súa dona. Iso si, despois de volto á irrealidade de quen nin tiña porvir dentro do exército nin parece que o vaia ter fóra del.
No interín Alberte, home inestable nos sentimentos, fillo de pai tocado polo alcohol aparece nunha guerra totalmente allea, onde os que van impoñer a paz acaban disparando a quen non deben e sendo disparados á súa vez. Por aí Alberte e os seus conmilitóns, personaxes desta novela decididamente naturalista onde hai quen come coello cru porque non hai outra maneira e cando un autor describe esta escena –hai algunha similar– sen que lle treme a man de termar da pluma é que non está superado pola trama. Que para o caso ten moito de plasticidade cinematográfica, e Marcos (Seoane do Caurel, 1967) aponta, compre dicilo, maneiras de reporteiro bélico, aínda que obviamente non o sexa –e si funcionario da Administración de Xustiza–, por máis que a tramoia guerreira, co ardor consabido, vaia acompañada de historias sentimentais e familiares en paralelo, para rematar nun “in crescendo” que nos falan dun artífice habelencioso cal é o autor de “O bebedor de rakia”.
Un libro que se le con interese porque Xesús Manuel Marcos vai dispoñendo nel doses precisas, non xa de rakia, veneno que se vai apoderando de Alberte cal un amor maldito, senón de intriga intercalada coas avanzadas e avanzadiñas bélícas, ao tempo que os personaxes –militares ou non– van aparecendo nun “timing” impecable.
Con este libro Xesús Manuel Marcos, dono xa dunha certa biliografiaaparente, con novelas de xéneros ben diferentes e libros de relatos, demostra ser un autor moi seguro. Deses que non máis precisa dun golpe ben forte na táboa, onde ás veces cansan os consabidos sota, cabalo e rei, para que ninguén teña dúbida da súa existencia e poderío.
“O bebedor de rakia” é unha boa mostra de novela cosmopolita, por máis que o seu “background” sexa inequivocamente galego, que non deberá adiar a súa tradución a outros idiomas. Trátase dun libro abondo universal, e iso a partir dese mundo tan propio –naturalismos incluídos– que abandeira este francoatirador da literatura que vive, ben alonxado de saraos, cenáculos e tertulias, en Madrid.

Vicente Araguas

Comentarios pechados