Menu Xerais

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «O coitelo en novembro», de Marilar Aleixandre

O crítico Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión sobre O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre. A recensión pode lerse completa en A Nosa Terra. Reproducimos, a continuación, algúns dos principais parágrafos:

Non incomode se adianto resposta. É novela e non é novela. En todo caso, o último título de Marilar Aleixandre que os trinques de novidades nos ofecen, é un soberbio exemplo de literatura maiúscula, de metaliteratura e inclusive de protoliteratura e postliteratura. Deses que, malia o esquezo inmediato penalizar calquera tentativa de retención memorística, unha vez lidos e mentres se le, un ten vontade de gravar indelébel nas teas testemuñais internas, como lector e como crítico.

Édita como foi no 2010, ano de Periferia –é ben sabida a miña estima pola de Iolanda Zúñiga–, esta de O coitelo en novembro vén confirmar un extraordinario ano para unha editora que ademais deu a luz outras obras moi comentadas e valoradas tanto de autores consagrados (a de Manuel Rivas) como debutantes (Ánxel de la Cruz). E tamén cuestionarme inmisericordemente: cal é a mellor novela de 2010?

(…)

Desde a óptica puramente técnica, O coitelo en novembro obríganos a falar, como adiantamos, de literatura, de metaliteratura, de protoliteratura e postliteratura.

Literatura? Sen dúbida. Coma un traxe confeccionado non con remendos senón con anacos gardados/rescatados, que agora entran no fiado dunha nova peza que os cose e redimensiona á vez, pois a estratexia protexe e retroalimenta en tanto configura/crea un macro(con)texto ou biosistema literario que explican e os explica. En maiúsculas? Si, poucos, moi poucos títulos poden presumir de tanta literatura e tan fonda.

Metaliteratura? A destrución (mentres se constrúe, ollo) das compoñentes clásicas que conforman que vimos chamando novela é sistemática e constante.  Comezando pola da propia autoría, que se difumina en personaxe á vez que a personaxe reivindica e asume o seu propio papel narrativo. Marilar é Mairal, como Mairal é Aleksandra ou Mila ou Marjane, sen Marilar deixar de ser Marila e sen as demais deixaren de ser quen son. Por suposto, isto leva consigo a destrución/construción da propia personaxe. Non parando aí, pois tamén se dinamitan as coordenadas espazotemporais.

(…)

Protoliteratura? Tanto por ser recolleita de textos antigos (procedentes non só de plataforma libresca), algo así como retroliteratura, como por ser texto novo que suscita na mente do lector un discurso novo (do que estas liñas só son exemplo único e á vez múltiplo, pois único é o de cada lector e tamén múltiplo pois resulta evolutivo e cada fase da súa construción pode considerarse outro discurso) é á vez pre-texto. É dicir: protoliteratura que é, por xunto, pre-/post- texto

Non é tese nin disucurso, é tese-discurso ou discurso-tese.

Como se consegue tal prodixio? Cun abraiante dominio da escrita narrativa, que sabe integrar moi ben rexistros que van desde o horror da fame dunha nai á tenrura do amor, a denuncia social, a poesía ou os microcontos, procurando esculcar tanto dentro do propio relato como da identidade humana, que non ten por que ser distinto de indagar sobre a autoría, o rol da personaxe e o estatuto da propia literatura como continuum. Sabendo ser conservadora da tradición, e á vez anovadora.

(…)

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados