Menu Xerais

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «(Retro)visor», de Antía Otero

O crítico Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre (Retro)visor, de Antía Otero, que reproducimos integramente.

O espello panorámico de Antía Otero

Sete anos despois daquel iniciático O son da xordeira, o polifacético nome de Antía Otero volve asinar un novo poemario. Se naquela ocasión as augas substantivas que mollaban as palabras da poeta da Estrada recendían en multitude de olores domésticos porque –como lembrabamos na crónica da occasion– a casa (onde confluían as experiencias do amor, da lingua, da familia) era termo da metáfora que pairaba nas súas páxinas; nesta ocasión xa o título ofrece indicativo da evolución. Unha evolución panorámica, como lle corresponde á palabra retrovisor, contextual e tamén retrospectiva, pois a fin de contas o retrovisor é ese espello interior que nos amosa o que imos deixando atrás e nos rodea. O retrovisor sitúanos retratando o noso lugar no mundo, que non é sempre o que vemos diante ou á volta…senón o que foi e nos delimita, non só as fronteiras físicas senón as sincrónicas.

Eis, logo, que o (Retro)visor se constitúe en espazo e crónica íntima, e lírica entre intereses da filosofía, a socioloxía e a poesía, coma un diario na procura dun lugar propio na vida, buscando atopalo, expresalo indirectamente e expresarse directamente. Desde un ton amábel que non pretende asustar nin incomodar a ninguén, érguese a voz de Antía Otero, a voz dialogante da poeta coma un río de monólogo interior incesante á esculca das ribeiras ou dimensións que a conteñen. Tamén desde a necesidade dun ti ou interlocutor, de a quen dirixir as palabras, a discursividade encetada e reflectida a maneira de espello ou cartografía, un fluído entre descritivo e interpretativo á vez, absolutamente intersticial, interxenérico (obsérvese a cantidade de carácterísticas que vimos de lle atribuír, características que onde mellor se atopan é na narrativa) á procura das testemuñas do camiño andando, os valados que tamén indican dirección actual, a perspectiva de destino.

Entre esas testemuñas, das primeiras son as bonecas, asociadas ás ganas de ser diferente e grande, e tamén asociadas á imatición dos maiores, e tamén a solidarias da ilusión, ese motor imprescindíbel. Non faltando ocasión de  volver sobre o máis ínitmo do mundo familiar, á nai, á frescura, á inocencia, á calor dos soños entre sabas brancas-silencio. O cal non representa nada diferente da necesidade de ser rebelde, de rebelarse na granxa e estabelecer vínculos sociais novos. Todo isto en retrospección introspectiva proxectada cara a hoxe e mañá, na que non falta espazo nin ocasión para a lembranza da primeira comuñón, e aquela cola de cabalo e o primeiro amor. Desde elas/eles estabelécese esta singradura de ir pola vida, ás cegas, e á vez ese requisito de ser aceptado pola sociedade, pola comunidade, sen deixar de ser unha/un,

Herdeira

princesa

coroada

cada día

pola laca e as orquillas (35), seguir sendo sen deixar de ser, reinventándose e fundíndose no outro. É dicir, a vida como un xogo de caracterizacións, un xogo de máscaras ou disfraces igual que hai un xogo de días, xornadas que non só son o que ves no retrovisor do día senón tamén na memoria e por suposto tamén na prolongación, na proxección, niso que está “máis alá”, un alén que tamén interesa e o retrovisor só amosa non amosando entre o coro das voces interiores coas que dialogar e vaise vendo que contra a sociedade, contra e entre a frivolidade come escudo, Igeborg Bachmann, Silvia Plath, Anne Sexton, Unica Zürn, Srah Kane, Antía Otero, maneiras de pensar, maneiras de ser, maneiras de escribir(se), entre o consumismo voraz que configura figuras e estados de pensamento, entre todo iso hai que procurar a verdadeira historia, entre todos os disfraces, entre todos os disfraces tamén se valora a fidelidade, entre todos os disfraces a corista chamada a ser vedette verá no retrovisor a imaxe do ama(n)do:

está ben saber

que a miña man foi unha intención

e a túa mirada

un mandamento (68)

Retrovisor: o que se foi, o que se é, o que empeza a ser:

-Vesme agora?

-Si?

-E recoñécesne

Wim Wenders, Paris-Texas (70)

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados