Menu Xerais

Crítica sobre «A veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda, en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publica unha recensión crítica sobre A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda.

A Veiga é como un sitio distinto de Eva Moreda, publicado por Xerais, é ante todo un fermoso exercicio de lirismo que nos conduce da man, paseniño, á emigración londinense de finais dos anos 60. Cunha prosa elegante e concisa -apenas 120 páxinas- aborda a autora a soidade, o traballo, a xuntanza, o amor, a amizade, o compromiso -sexa sindical ou non- dunhas persoas que por unhas ou outras razóns se viron obrigadas a esa especie de exilio que significa a emigración -esta emigración que nos resulta tan familiar porque a tod@s nos toca de preto. E esta decisión de vivir lonxe leva consigo a dobre solución que a parella protagonista presenta: adaptarse ao medio ou volver na memoria dun xeito case continuo ao país que nos veu nacer. Porque no fondo son estas dúas opcións as que transitan polo libro, dúas diferenzas demasiado arredadas que será imposible achegar, a pesar dun esforzo de cariño que une a ambos personaxes.
Interesante sobre todo o universo feminino que nos ofrece a autora, a busca dun xeito de vivir, dunha integración e a capacidade camaleónica de adaptación dalgunhas persoas que descobren que pola xustiza e pola igualdade hai que loitar, e que o mundo non avanzaría de non ser por elas. Porque a indignación do ser humano non é moda de agora.

Deixa un comentario!