Menu Xerais

Crítica sobre «Despois da medianoite», da escritora india Salma

O Xornal de Galicia publicou unha recensión sobre Despois da medianoite, da escritora india Salma, asinada por A. M. Reproducímola integramente:

O que se tece na sombra
Xerais abre unha porta á literatura tamil

Hai xa algunhas semanas que Xerais tirou do prelo a impoñente Despois da medianoite –650 páxinas, incluíndo un glosario de palabras frecuentes na lingua da autora–, primeira obra publicada en galego da escritora india Salma (Thuvarankurichi, 1970). É a versión galega, a cargo de María Reimóndez, de Irandaan Jaamangalain Kathai, un fito na literatura de Támil Nadu, un estado indio que conta con 65 millóns de habitantes.

Despois da medianoite supón un controvertido berro crítico dende o interior da minoría musulmá, un berro nidio e complexo. Cunha prosa de fiar moi fino, atenta ao detalle, aos tirapuxas de quen loita con forzas desiguais contra cumprir as normas e rachar con elas, a voz destemida de Salma axúdanos a penetrar no escuro, lonxe dos estereotipos e máis preto dun entendemento liberador.

No entorno abafante dunha pequena aldea, do outro lado da luz, no lugar pechado das casas e das cociñas, no reverso das normas da comunidade, transcorren as vidas de Rabia, Wahida, Rahima, Zohra, Firdaus e o resto das mulleres da novela. As súas arelas, os seus problemas e solucións van levando o lector por un camiño de dificultades onde a busca da liberdade se atopa fanada de maneira constante. As finas estratexias de cada unha das protagonistas amosan os atrancos que as mulleres atopan para desfacer as posicións que lles veñen dadas, inoculadas na infancia.

Salma provén dunha aldea próxima a Tiruchirapalli, e como moitas mozas da súa rexión non rematou a escola primaria. Aínda así, escribe dende os trece anos, primeiro na clandestinidade e logo abertamente. Xa ten publicadas varias antoloxías poéticas, amais desta novela. En 2001 accedeu de xeito accidental á política –polo sistema de cotas indio– e hoxe é directora xeral de Asuntos Sociais en Támil Nadu.

Deixa un comentario!