Menu Xerais

Desvelar o tempo dunha figura fundamental: crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Luís Soto. A xeira pola unidade galega», de Xurxo Martínez

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González.

 

Para non esquecer

A desmemoria histórica interesada fai que quen foron figuras sobranceiras do exilio ou do antifranquismos pasen a ser esquecidas, porque non lle convén ao poder vixente que se lembren os seus feitos e mais as súas ensinanzas. A cultura oficial e politicamente correcta de hoxe non tolera os que defenden a autodeterminación ou que simplemente seguen a declararse marxistas ou que non aceptan a sociedade de mercado neoliberal como a única forma posible de organización social. Por iso, parabéns para esta coidada biografía de Luís Soto, que nos ofrece un investigador mozo como é Xurxo Martínez.

Luís Soto foi unha figura senlleira do antifascismo e da loita antifranquista. A súa militancia lévao antes da Guerra Civil ao sindicalismo e ao Partido Comunista. A súa convicción nacionalista faino loitar pola fundación dun partido comunista galego, mais bate co centralismo do PCE español. Participa na fundación da UPG e o gran contacto entre o exilio republicano marxista e os mozos de Brais Pinto e os fundadores da UPG. Martínez González percorre toda a peripecia vital, mais tamén ideolóxica de Soto.

A primeira parte da biografía abarca desde 1902, ano de nacemento de Soto, a 1931, data da proclamación da II República. Ao presentarnos a infancia e xuventude de Soto, Martínez recrea moi ben a Galicia do primeiro terzo do século XX e ofrécenos unha imaxe dunha Galicia onde inzan os mestres de ideoloxía progresista (os pais de Soto) ou as asociacións agrarias. Tamén a Galicia dos emigrantes retornados de América, que non só traen cartos ou desenganos, senón tamén ideas e libros novos e revolucionarios, como o tío do propio Soto. Xa que logo, desbota o tópico da Galicia rural conservadora e católica e estamos ante unha colectividade onde non son alleos o progresismo, o sindicalismo e mesmo o socialismo ou o anarquismo.

Como tantos do seu tempo, Soto marcha á emigración arxentina con só dezasete anos, para volver, derrotado, coma o pai de Migueliño de Castelao, en 1921. O autor, con evidente acerto, alude á tremenda situación que está a crear entre os mozos galegos a guerra de Marrocos na década dos vinte. En África pasará Soto tres anos como soldado. De volta do servizo militar, Soto converterase en mestre, mais nun mestre laico, que retira da aula todos os símbolos relixiosos.

A chegada da Segunda República supón unha grande ilusión para Soto. Cómpre que o lector se fixe na ATEO (Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense) e comprenderá mellor a xenreira que Franco tivo contra o ensino público e que seguen a manter os seus actuais continuadores. Nesta etapa Soto pasa a ser un activo militante do PCE. O lector pode atopar non libro non só unha boa análise non só da vida de Soto nos tempos da República, senón tamén do ambiente político-social deste momento.

A terceira parte dedícaa á actividade de Soto durante a Guerra Civil. Desenvolve moi ben as relacións Soto-Castelao, así como o labor propagandístico realizado por Castelao-Soto entre os emigrantes galegos de América (Nova York, A Habana…). A fuxida de Soto cara á zona republicana é unha verdadeira novela de aventuras, que o historiador relata con bo pulso. Despois analiza polo miúdo a actividade de Soto durante a guerra, a prol da República. Unha sección importante é a xa devandita colaboración Soto-Castelao.

A cuarta parte presenta a actividade de Soto no exilio mexicano, entre 1939 e 1950. Asistimos ás actividades de Soto para articular e unir a oposición antifranquista no exilio, o choque entre o seu nacionalismo e a política centralista do PCE, á fundación do Fogar Galego ou á edición de publicacións. Debe lerse a influencia de Soto sobre Castelao cando este define o seu concepto de nación aplicado a Galicia en Sempre en Galiza. O autor tamén explica polo miúdo como se foi realizando a creación da revista Vieiros, a partir de precedentes como Saudade. Constituído o Padroado da Cultura Galega de México en 1959 xurdirá a revista Vieiros, dirixida por Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e o propio Luís Soto. O autor analiza acertadamente o impacto desta revista en Galicia, especialmente entre o grupo madrileño de Brais Pinto e sobre a UPG.            Dende os anos sesenta, Soto pode volver a Galicia. O libro incardina agora a vida de Soto con acontecementos fundamentais da última historia de Galicia como a fundación da UPG, a homenaxe en Ourense a Celso Emilio Ferreiro en 1966 ou os movementos nacionalistas e marxistas de oposición no tardofranquismo . Nesta etapa Martínez sinala acertadamente como a visión que de Castelao ofrece Soto (a do político republicano, antifascista e nacionalista) é a oposta á do grupo Galaxia, que incidía sobre o Castelao escritor, pintor e humorista. Cómpre ler tamén a xenreira que lle producían as emisión radiofónicas do Padroado, en 1966, ao o hoxe é presidente de honra do PP, Manuel Fraga, daquela ministro de Información de Franco ou como impediu este mesmo personaxe a difusión do número 3 de Vieiros.

En fin que se queremos comprender mellor a Galicia actual e máis a do inmediato pasado, así como coñecer unha das grandes figuras da nosa historia recente, cómpre ler este libro. Gústanos ademais que o autor empregue, aínda que non estean recollidos polo VOLGa, termos como feixismo, feixista ou antifeixismo. É un acerto así mesmo aludir sempre a Franco como Atila e agrádanos que non considere pexorativo un termo como bolxevique, que non dubida en aplicar a Soto. Non nos gustan tanto, máxime nun autor que é licenciado en filoloxía galega hiperenxebrsmos ou castelanismos como pitelo por cigarro, retrasar no canto de atrasar ou o emprego de marzal, adx., ´propio do mes de marzo´, no canto de marzo.

Manuel Rodríguez Alonso

 

 

Deixa un comentario!